A corrida do galo, no entroido de cobres
tradición ancestral...

 

 

O día estrela é, sen lugar a dúbidas, o Martes de Entroido, festividade local. Pola mañá, as “Madamas” e “Galáns” pecharán o seu percorrido para celebrar, pola tardiña, a tradicional Corrida do Galo; a cal comezará no momento en que as “Madamas” e “Galáns” fagan a súa entrada no recinto de festas coas súas músicas e bailes tradicionais. Daquela dará comezo a festa na que participa a mocidade do lugar, competindo e concursando en diferentes modalidades de xogos populares tradicionais, do que sen lugar a dúbidas destaca a “Corrida do Galo” tradición que se mantén só en Cobres.

 

 

 

A Corrida do Galo é o acto principal deste gran día, onde xa antes os membros da comisión percorreron tódolos galiñeiros na procura do mellor galo, poñendo a disposición “dos vellos” quen son os encargados de coidar do galo e tentando que ninguén llo leve. Estes “vellos” da corrida, gardiáns do galo, sen unha roupaxe propia, coa cara cuberta como ben poidan, e armados con paus, estacas, fungueiros... baixan co galo coas patas atadas e fan coma se o soterraran nun burato feito para tal evento, tapándolle con terra tan só as patas.

 

Pero é o cerimonial do martes de Entroido pola tarde o que centra o noso interese. No torreiro había un palco ou púlpito de madeira adornado con mimosas, o público rodeaba expectante as madamas e os galáns que bailaban ao son da música dos gaiteiros. Nun momento dado, os gaiteiros saían a buscar os Vellos do Entroido que traían o galo con eles. Nunha focha enterraban o animal, deixándolle a cabeza fóra, e ao redor efectuaban a danza.

 


De súpeto, de entre o público ou mesmo de entre os propios socios, arrincaba alguén a correr, agarraba o galo pola cabeza e fuxía a toda velocidade. Os Vellos, atentos e armados con gallas, perseguían o atrevido e recuperaban o plumífero protagonista do Entroido. O ímpeto e a agresividade na resposta dos Vellos variaba claramente dependendo de se os ladróns eran da propia parroquia -cos que eran tolerantes- ou se eran das parroquias limítrofes -cos que exhibían a base de pancadas a súa intranxixencia brutal.

 

Volveremos máis adiante a este punto, ao poñelo en relación coas pugnas polos Mecos. Aparecía despois en escena o predicador, tamén disfrazado, que dende o seu púlpito lanzaba o Sermón do Galo e mordaces críticas en verso contra os vicios dos veciños. Pero o público non era unha figura pasiva, senón que, como verdadeiro crítico literario, respondía activamente abanando o palco ata botar abaixo a aquel que os insultara momentos antes: a licenza concedida a este enmascarado para traspasar límites (verbais) quedaba revogada.

 

E chegamos ao clímax: o sacrificio do galo. En 1991, o gobernador civil Parada Mejuto prohibe este rito que xa dende os anos 40 se fora diluíndo ata quedar completamente esvaecido. Tiveron que acudir no noso auxilio as lembranzas dos máis vellos da parroquia para recompoñer o escenario “orixinal” e dar sentido ao lenzo. Confeso que o abraio foi maiúsculo ao descubrir que eran as madamas as que “cun sable de madeira” lle quitaban a vida ao galo.

 

 

Variantes actuais da Corrida do Galo:

 

Galo no Río:

Unha vara de madeira engraxada, cruzada sobre o río por onde os participantes terán que cruzar a pe sen caerse para collelo galo que está suxeito á punta. Os que non o conseguen caen ao río sen ningunha recompensa, tan só a molladura nas frías augas de febreiro. O que o logre levará de premio un galo máis unha cantidade de diñeiro.

 

 

 

 

 

 

 

Galo no río (Entroido de Cobres 2008)

 

 

 

 

 

 

 

Galo na vara:

Consiste nunha vara de madeira de aproximadamente cinco metros de alto recuberta de graxa pola que os concursantes teñen que subir para poder facerse co galo que os agarda no máis alto. Quen o consiga levará de premio ademais do galo unha cantidade en metálico.

 

 

 

 

 

 

Galo na vara. Finais dos 70. (Cedida por: A.C. Barqueiro)