frecha Os traxes do entroido

frecha Os persoeiros

 

 

 

 

 

Os traxes do Entroido de Cobres
singulares, coloridos , espectaculares, alma do entroido de cobres xunto coas danzas

 

 

Meses antes do comezo do Antroido os Maiordomos van na procura dun grupo de mozos e rapaces, dun número que oscila entre 75 e 100 persoas; os tradicionais son as madamas e galáns, que son como mínimo 6 parellas, podendo chegar a 20, acompañados logo de aldeáns, e o resto, vestidos de branco ou traxes tradicionais. O artesanal traballo de prepara-las roupas é de por si moi valioso. Traxes preciosos onde abunda a bixutería e a xoiería.

 

 

Algo que sempre sorprende ao visitante é que en Cobres, non se utilizan máscaras nin antefaces. Por tradición a cara vai descuberta permitindo enxalzar outros valores como a beleza das “Madamas” e a gallardía dos “Galáns”, sen esquecernos das fermosas mozas de branco e a louzanía e frescura de quen as acompaña, ou as engaiolantes e encantadoras Aldeanas que acoden á celebración.

 

 

madamagalánNo noso Entroido, a vestimenta cóidase con delicado esmero ata o último detalle de pulcritude; as cintas, os abelorios, os reloxos son elementos que dan vistosidade e acompañan aos suntuosos sombreiros –verdadeiras xoias artesanais- concibidos para a relaxación da vista grazas á policromía e perfecta harmonía das múltiples pezas que o compoñen.

 

 

As madamas, mozas atrevidas con vistosas saias con encaixes, chambra branca sobre a que locen un peitoril con cadeas e outros adornos metálicos imprimíndolles aires matronís. Cintas e faixas, mailas sobresaias, realzan a súa donairosa figura. A cara, descuberta, baixo un gran sombreiro rechamante e multicolor, con multitude de brillantes e pequenos adornos, flores (presente dos espíritos da vexetación), anacos de espellos, monecos pequenos, prolongándose polo lombo das contas que estibilizan a lanzal figura da moza, ó redor da base do sombreiro, hai plumas que xunto con outros adornos recobren o armazón de palla, podendo chegar a pesar cada sombreiro 7 Kg. Logo as mellores xoias de ouro sobre o gorro e o peitoril, subliñan a grandeza da insólita roupaxe. Ámbolos dous antebrazos ateigados de reloxos, se cadra, para pregoa-lo feliz inicio da primavera ou do ano biolóxico, vexetal e cósmico.

 

 

 

Temos que dicir que un sombreiro de Madama leva facelo máis dun mes dedicándolle un tempo diario, e non digamos o peitoril unha prenda de exquisita finura que xunto coa blusa e a saia branca ambas las dúas adornadas con cintas de cores e pasamanarías diversas, zapatos negros e medias finas, compoñen a vestimenta da Madama, sendo o do Galán unha vestimenta que resalta a similitude de cores co da Madama pois componse de sombreiro de flores con algunhas variantes sobre todo no peso do mesmo, pois é máis lixeiro co das Madamas, leva o Galán camisa branca con adornos de cintas de cores garabata encarnada, pano de seda que cubre a cintura ata os xeonllos, pantalón branco con liña lateral de cor vivo (bandeira galega ou española) e zapato negro.

 


Os de Branco a diferenza dos Galáns cobren a cabeza con unha pucha plana, tipo boina, de cor encarnada coas súas correspondentes cintas adornadas nos homes. Ocorrendo o mesmo nas mulleres, que con menos abaloiros e adornos que as Madamas levan a cabeza ao descuberto. E por último as Aldeanas que forman o final da comitiva, van vestidas de diferentes oficios e costumes representado a clase máis humilde do pobo.

 

 

 

entroido de cobres entroido de Cobres banda de música
Detalle do sombreiro dunha Madama Detalle do sombreiro dun Galán Os de Branco

 

 

 

 

 

 

Os persoeiros

 

 

Arredor da celebración emerxe un mundo representativo de niveis sociais e roles, de xénero e posición económica, que se percebe tanto pola vestimenta común entre o grupo e diferenciadora do resto, como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións:

 

      1. Madamas: mulleres de posición social elevada, ocupan un lugar central no desenvolvemento do Entroido, cunha estética dirixida claramente a diferenciarse do resto.

      2. Galáns: homes que pola súa posición e situación económica ansían a busca de parella entre as Madamas, polo que destacan sobre o resto.

      3. Os de Branco: poden ser tanto homes ou mulleres que ocupan unha posición intermedia, inferior á das persoaxes anteriores.

      4. Aldeáns: ocupan o último eslavón da cadea e representan o grupo maioritario da sociedade e tempo ao que se refire.

 

 

Ten o Entroido de Cobres outros persoaxes importantes que forman parte desta festa ancestral; A Corrida do Galo

 

o predicadorO predicador, persoaxe enigmático que non revela a súa identidade, pero que no seu discurso fai critica de tódolos acontecementos ocorridos durante o ano non só nas parroquias de Sta. Cristina e San Adrián de Cobres, si non tamén de actos puntuais que ocorren no Concello; culturais, artísticos , políticos, deportivos sociais, etc.
Este é, sen dúbida, outro dos grandes atractivos das festas, e no seu sermón repasará os acontecementos da vida social do Concello para mofa de moitos e vergoña duns poucos.