Valor Cultural da Festa

Este Entroido tradicional que se celebra anualmente dende o sábado ata o martes de entroido nas parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres do concello de Vilaboa, e que ten como colofón a Corrida do Galo que se desenvolve o martes pola tarde na explanada de Riomaior xunto á Casa da Cultura, posúe para os veciños de Cobres un valor incalculable que queren compartir con todo aquel que desexe visitarnos nas datas sinaladas.

O valor cultural da festa ven dado por moitos dos factores, os primeiros dos cales son a súa antigüidade e a súa continuidade a través do tempo. É agora o momento de falar doutros dous factores fundamentais, a orixinalidade que ven da man dos traxes dos seus personaxes principais, y por outra a diversidade dos actos que compoñen o festexo que dura 4 días, dende o sábado ata o martes de entroido.

ORIXINALIDADE DO ENTROIDO DE COBRES

O Entroido de Cobres é o único entroido tradicional de Galicia no cal os seus personaxes principais non levan máscara. É un carnaval para “lucirse”, onde os seus personaxes principais fan gala da beleza dos seus traxes, ostentosos en canto a adornos.

Os seus gorros ou sombreiros son totalmente únicos, e en si todo o traxe tanto de madamas como de galáns supoñen pezas únicas incluso entre elas, porque cada persoa dálle o seu toque persoal coas cores utilizadas, cos abelorios escollidos, coa colocación da pedrería e incluso coa forma e peso dos gorros, se ben están preto dos 6kg os das madamas e sobre 4kg o dos galáns. Describamos minuciosamente aos personaxes deste Entroido.

Madama

É o personaxe central, pois é o máis “vestido”. O seu traxe consta de diferentes pezas, todas moi elaboradas. Blusa branca e zapatos negros son a base da vestimenta, así como medias tupidas para facer fronte ao frío.

O traxe compóñeno unha saia adornada con lazos decorados, un mandil igualmente con lazos decorados, un cinto todo cheo de bixutería e abelorios, un “peitoril” ou peza que vai sobre o peito (e que pesa tamén o seu, entre 2 e 3kg), cheo de colares, ombreiras decoradas (isto é opcional), lazos nos brazos e nas costas, boas de plumas ao pescozo, e logo o gorro, totalmente cheo de flores, colares e outros adornos que como xa se dixo anteriormente pesa arredor de 6kg, aínda que antigamente podían chegar a pesar ata 10kg (recordemos que van bailando polas rúas das parroquias durante 4 días).

Galán

O galán é o acompañante neste festexo, e ben orgulloso sempre da súa madama. O seu traxe é máis sinxelo, pero igualmente elegante. Camisa branca, pantalón branco con cinta lateral de adorno, e zapatos negros son a base do seu traxe.

O traxe compóñeno 3 panos (mantóns de manila), 2 cruzados sobre os ombros, e outro na cintura. Tamén levan lazos nos brazos e na parte de atrás, e logo o gorro, tamén vistoso como o da madama, pero de menor tamaño.

Bailaríns de branco

Os e as de “branco”

Elas van como as madamas, pero sen gorro, e eles igual que os galáns, pero con boina vermella adornada con cintas e abelorios.

Os músicos e músicas

As testemuñas dos nosos maiores falan de gaiteiros, pero tamén existen fotografías onde o que se ve é unha banda de música no seu sentido estrito e non unha banda de gaitas. Nos últimos cincuenta anos foi sempre unha banda de gaitas e demais instrumentos tradicionais galegos nos que se incluían algúns instrumentos de bandas de música como trompeta, frauta traveseira ou saxofón. Actualmente é a Banda de Gaitas Aires de Cobres.

Outros personaxes

Como danzantes desapareceron xa as figuras de aldeáns e outro tipo de vestidos que podían levar as mulleres participantes no Entroido.

Os “vellos” viron reducida a  súa participación ao martes de entroido pola tarde, na “Corrida do Galo”, mentres vestimentas similares son as empregadas polo personaxe de “majacho ou maghacho” que vacilan ás persoas asistentes ás festas nocturnas que pechan cada día o entroido en Cobres (especialmente o luns)  con orquestras, tríos e conxuntos que coas súas músicas seguen facendo bailar ás parroquias de Cobres e a visitantes ilusionados coa tradición e a festa. Son estes os únicos personaxes deste entroido tradicional que van enmascarados, algo tamén bastante único do Entroido de Cobres, como xa se mencionou.

O predicador, ou agora tamén predicadora, recuperou o seu status en 2024, facendo gala da súa lingua mordaz para criticar os sucesos máis suxestivos ocorridos no pobo dende a última celebración do entroido, e que despois tamén será quen lea o Testamento do Galo, antes da súa queima ao final da tarde do martes.

O Galo

A Corrida do Galo, con moitas similitudes a outros eventos doutras partes de Europa, é o eixo central do Entroido de Cobres, xa que culmina a festividade do entroido con multitude de elementos tradicionais que se foron actualizando ao longo do tempo, e aos que se sumaron outros elementos máis actuais.

O galo como animal central das celebracións de entroido, finalmente sacrificado (agora xa de forma ficticia), é común noutras rexións como Mercerreyes ou Val de Valdivieso (Burgos)[1]. En ambos casos ligado ao sacrificio por parte de mulleres casadeiras, e vencellado á consecución do matrimonio, igual que no Entroido de Cobres na súa orixe. Este ritual asociado ao cortexo ou acto nupcial tamén o atopamos noutros países como Alemaña, Austria, República Checa e Hungría. Isto vencella o sacrificio do galo do Entroido de Cobres con outros puntos no só de España, se non tamén de Europa, o que lle dá aínda máis valor como tradición e cultura mantida no tempo.

Actualmente a corrida do galo consta da antiga “corrida do galo” onde os “vellos” custodian ao galo (boneco), o galo no río e na vara, engadidos máis recentemente, actuacións de madamas e galáns, veteranos e veteranas, así como o discurso do predicador-a, logo a danza das espadas recuperada col sacrificio do galo ficticio ao final da danza, e finalmente o sermón do galo a cargo tamén do predicador-a para dar paso á queima do galo con fogos de artificio.

 [1] Volvemos aquí aos estudios que figuran na obra publicada por Anxo Rosales González para Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega. Nº 1 – Ano 2014.

DIVERSIDADE DOS ACTOS QUE COMPOÑEN O FESTEXO

Podemos dicir que o Entroido de Cobres foi aumentando o seu rango temporal de festexos nas últimas décadas, xa que previamente ao que é a celebración en si, de sábado a martes de entroido, teñen lugar (habitualmente a fin de semana antes) a presentación do Entroido dese ano coa actuación dos seus compoñentes, danzantes e músicos, en lugares determinados das diferentes parroquias que forman parte do concello de Vilaboa, sendo a actuación máis destacada nas Salinas do Ulló.

Presentación do Entroido de Cobres

Habitualmente a fin de semana antes das datas de entroido. Elíxense puntos de reunión en cada parroquia do municipio de Vilaboa, e báilase para os veciños desa zona[2]. Pola tarde ten lugar a presentación máis bonita no entorno natural das Salinas do Ulló, que sempre ten unha gran acollida de público e é moi vistoso polo marabilloso da paisaxe[3].

Ademais, asístese a centros escolares ou centros de maiores para mostrar o Entroido tanto en no municipio de Vilaboa como noutros municipios da provincia de Pontevedra. Do mesmo xeito, particípase en todas aquelas actividades que se propoñan á Asociación Cultural Cobres ou ao Concello de Vilaboa que poidan axudar a divulgar e poñer en valor a nosa cultura e tradición[4].

[1] Presentación en parroquias de Vilaboa 2024.

[3] Presentación Salinas do Ulló 2024.

Recorrido das parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres

O horario de recorrido diario de sábado a luns é aproximadamente de 10:00 a 19:00-20:00 horas, sendo a última actuación sempre na carpa da festa situada na explanada fronte á casa da Cultura de Riomaior, que é onde se celebra a festa cada noite e onde teñen lugar a Corrida do Galo o martes de entroido. O horario do martes é de 10:00 a 13:00 horas aproximadamente, tamén rematando na carpa antes de ir a comer para prepararse para a Corrida, onde levarán as súas mellores galas.

O recorrido, que se mantivo estable ao largo do tempo nas últimas décadas, comeza o sábado pola mañá dende a Casa da Cultura de Riomaior, seguindo a estrada nacional N554 cara San Adrián de Cobres pasando por Pazos, Pousada, Curra, Santradán e Ubeiras. Pola tarde comézase en Santa Cristina de Cobres, recorréndoo os barrios de Vilar, A Rúa, Muíño e O Costal. O domingo séguese por Santa Cristina, recorrendo Riomaior, Muíño zona do porto, Barciela e Mangüeiro pola mañá, e pola tarde Magarella, Lufiña, Cernadas e Muíño zona restante.

O luns percórrese San Adrián de Cobres, pola mañá Pousada e Nores, e pola tarde Pazos. O martes pola mañá é o momento da Cardiña de San Adrián de Cobres, barrio con gran tradición no Entroido, Paradellas de Santa Cristina de Cobres, e Sobreira, que forma parte tamén de San Adrián de Cobres.

Cada día anúnciase o comezo do recorrido con fogos de pirotecnia, e tamén a chegada á carpa. Así mesmo, como xa se explicou, existe un grupo de difusión de WhatsApp que permite seguir a traxectoria da comitiva mediante o acceso á localización en directo.

Festa nocturna

Cada noite unha charanga, grupo, orquestra e incluso nos últimos tempos algún DJ, amenizan o baile ao que acude toda a veciñanza de Cobres e arredores, así como calquera visitante doutros lugares que queira desfrutar de música nun entorno agradable. Estas actuacións páganse cos donativos obtidos co recorrido polos barrios.

A Corrida do Galo

O día estrela do Entroido de Cobres é o martes debido á celebración da Corrida do Galo, e que ademais é festivo local. O evento comeza sobre as 16:00 dende tempos inmemoriais, sempre cunha actuación de madamas e galáns para logo seguir cos xogos tradicionais na seguinte orde:

Un gallo dibujado con los colores típicos del entroido de cobres de forma geomética.
Galo no Río

Colócase un pau groso sobre o río apoiado nunha das súas beiras, polo que os e as participantes no xogo deberán pasar para coller un galo (boneco) que colga doutro pau que alguén da directiva suxeita dende a outra ribeira. Aquel o aquela participante que logre tocar o galo será quen se leve o premio. Os que non o conseguen caen ao río sen ningunha recompensa, tan só a molladura nas frías augas de febreiro.

Galo na Vara

Aquí é un pau groso que está cravado no chan, e que ten bastante altura (aproximadamente 5 metros). No seu extremo superior tamén hai un galo (boneco) que os e as participantes deben alcanzar trepando. O ou a que o consiga ou máis se achegue ao galo, conseguirá o premio.

Un gallo dibujado con los colores típicos del entroido de cobres de forma geomética.
Un gallo dibujado con los colores típicos del entroido de cobres de forma geomética.
Corrida do Galo

O xogo máis antigo, que dá nome ao evento do martes pola tarde, consistente en que “os vellos”, personaxes enmascarados, custodien un galo (boneco) enterrado nun burato, mentres personaxes sen máscara intentan roubalo. Se se consigue o roubo, gaña o premio o grupo de personaxes sen máscara, e se non se consigue o roubo, gañan o premio “os vellos”.

A Corrida do Galo conta co seu propio presentador ou presentadora dende fai xa algúns anos, que vai trasladando ao público o que sucede en cada momento. Nos últimos anos ademais foi posible contratar servicios audiovisuais de calidade, poñendo pantallas que permiten seguir tamén de forma visual o que sucede, aínda que non se estea cerca do lugar no que ocorre, xa que os xogos teñen lugar por toda a explanada de Riomaior. No palco teñen lugar as actuacións de madamas e galáns, veteranas, e moitas veces comparsas invitadas de municipios veciños.

Presentador 2024

Madamas e Galáns 2024

Comparsa 2024

Unha vez rematan os xogos populares, dáse entrada as actuacións de comparsas, se nese ano se decidiu así, así como aos concursos de disfraces (solitario ou grupo). Unha vez terminada ten lugar a actuación do predicador ou predicadora, que en formato verso fala dos sucesos máis importantes do último ano no municipio de Vilaboa, sempre en clave de humor crítico.

Logo volven a actuar madamas e galáns, así como veteranas e veteranos do Entroido, que finalizan coa danza das espadas e un figurado sacrificio do galo, tradición recuperada como se mencionou anteriormente.

Para finalizar, lese o sermón do galo mentres se realiza a queima dun galo de gran tamaño adornado con plumas de papel, e con fogos de artificio. É un momento moi emotivo, pois, aínda que aínda queda a festa da noite o martes, madamas e galáns terminan o seu periplo e o Entroido de Cobres remata con este acto.

Nos últimos anos tamén se incorporou ao Entroido de Cobres unha nova tradición, que é a de organizar unha sesión vermú con comida para os asistentes ao Entroido de Cobres o martes, que poden vir a ver a actuación do final do recorrido polas parroquias sobre as 13:00 horas á carpa e quedarse a comer de cara a asistir á Corrida que comezaría sobre as 16:00 horas.

A Morada

Entre 15 días e un mes despois do Entroido celébrase a Morada, comida onde se homenaxea os e as integrantes do Entroido de Cobres, amenizada con música, e á que poden acudir veciños e veciñas de Cobres (ou aquela persoa visitante que se anime), previo pago.

Encontro de Entroidos

Non fai parte da festividade no tempo, mais si no contexto da transmisión da cultura e da tradución do Entroido de Cobres. A Asociación Cultural Cobres coordina a participación do Entroido de Cobres en múltiples eventos noutras localidades co fin de facer chegar a súa tradición a cantas máis persoas, mellor.

Nestes eventos nos que se realiza un encontro con diferentes grupos de entroidos e mascaradas doutros lugares e incluso doutros países, a Asociación viu a oportunidade de traer outras tradicións a Vilaboa, realizando o seu propio Encontro de Entroidos, de xeito que se desprazasen a Cobres persoas de distintos municipios, coas súas propias tradicións de carnaval a compartir espazo, vivencias e cultura, ademais de dar visibilidade a rituais ancestrais que perduraron no tempo ou que se recuperaron tras anos no esquecemento.

Así, comezaron co seu «Encontro de Entroidos» en 2017, sempre no segundo sábado de xullo para que non coincida con ningunha festividade local e para teren libres as instalacións precisas para levalo a cabo (o centro escolar de Riomaior e o seu pavillón). No 2024 levouse a cabo a súa VI Edición (non se celebrou nin en 2020 nin en 2021 pola COVID) con 12 grupos de participantes de España e Portugal.

Ir o contido