As veteranas, a alternativa para as mulleres que non desfrutaron do Entroido de mozas

Febreiro 25, 2025

Moitas veciñas de Cobres viviron a festa como espectadoras debido ao elevado custo dos traxes de madamas, personaxe tradicionalmente vetado para as mulleres casadas. Outras, foron bailar de madamas ou simplemente de vestido no seu día, e queren seguir vivindo o Entroido de Cobres.

O Entroido de Cobres non entende de idades. A presentación que este sábado percorreu os barrios de Vilaboa deixou claro que hai canteira, que son decenas as nenas e nenos ansiosos por tomar o relevo e transformarse en madamas e galáns, lucir os seus maxestuosos sombreiros e danzar sen dosificar enerxía.

E é que, aínda que hoxe é habitual que as rapaciñas luzan vistosos sombreiros, a tradición situaba nos 15 anos o momento en que unha moza podía engalanarse dos pés á cabeza, sombreiro incluído. E só podía facelo ata que botaba mozo. Porque o Entroido de Cobres, e as súas danzas, tiñan na súa orixe o obxectivo de crear o ambiente idóneo para mocear. Unha vez conseguido, continuar xa non estaba permitido.

Foron moitas as mozas de Cobres que, nos últimos 50 anos, quedaron con ganas de Entroido. E, silenciadas polas normas dunha sociedade rural impasible, asumiron o papel de espectadoras dunha festa da que quixeran ser protagonistas.

Así foi como hai 13 anos xurdiron as Veteranas do Entroido de Cobres, un grupo maioritariamente feminino —aínda que con algunha presenza masculina— que se xunta para ensaiar, que se interesa por recuperar vellas melodías e que sobe ao escenario de Riomaior cada domingo e martes de Entroido, “os días que máis xente vén á festa”.

Elas son exemplo do terreo gañado polas mulleres nas últimas décadas. “Cando empezamos fomos moi criticadas. Dicían de nós que eramos un feixe de mulleres casadas e sen sentido. Agora isto xa está normalizado”, apunta Luisa Poceiro, que recorda que antes “unha muller casada non podía ser madama”. Con todo, recoñecen que foi un home, Gonzalo Garrido, quen as animou a dar este paso e as puxo en contacto con Laureano e Maruja, dúas persoas de Cobres que as axudaron a recuperar unha antiga danza: a das espadas, unha das singularidades do Entroido de Cobres.

Escolleron unha vestimenta discreta, nada comparable á das madamas. “Imos como as antigas aldeás, sen sombreiro e sen pectoril, apenas levamos xoias”, sinala Beti del Río, que asegura tamén que as Veteranas son unha alternativa clara para quen non desfrutou do Entroido na súa mocidade.

Recoñece que, no seu caso, a realidade familiar dificultaba a confección dun traxe de madama. “Eramos tres irmáns e na casa era impensable poder ir de madama. Miña avoa mercábanos un disfraz e íamos, pero non de gala”.

Se hoxe un traxe de madama pode rondar os 3.000 euros entre o custo do sombreiro, do pectoril e das distintas prendas, hai unhas décadas o seu custo económico non era moito menor. “Había prioridades e ser madama ou galán non estaba ao alcance de moitas familias”.

Así que Beti del Río téñeo claro: “As Veteranas son unha alternativa para quen de nova non desfrutou do Entroido”. E no grupo, no que a diversión está garantida, comparten paixón polo ambiente festivo destas datas mulleres cos 30 recén cumpridos con outras que xa superaron a barreira dos 60.

A muller, que de sempre tivo un papel protagonista no Entroido de Cobres, reforzouse na última edición asumindo unha personaxe tradicionalmente masculina. Leti da Taberna, popular creadora de contido en galego, encargouse da parte satírica da festa e este ano repetirá dando vida á mesma figura.

A Noite de Encontros do VIII Encontro de Entroidos de Cobres 2026 xa ten cartel completo

O VIII Encontro de Entroidos de Cobres, que se celebrará o 27 de xuño en Vilaboa, xa ten pechado o...

VIII Encontro de Entroidos de Cobres 2026: Vilaboa volverá converterse na capital do Entroido tradicional

O Entroido de Cobres celebrará o sábado 27 de xuño de 2026 a VIII edición do Encontro de...

O Entroido de Cobres xa é oficialmente Festa de Interese Turístico Nacional

O Entroido de Cobres vén de acadar oficialmente a declaración de Festa de Interese Turístico...

O Entroido de Cobres recibe aos participantes da Ultreia 2026 ao seu paso por Vilaboa

O Entroido de Cobres participou este pasado domingo 12 de abril na Ultreia 2026 Tui–Pontevedra,...

O Entroido de Cobres leva a tradición de Vilaboa á XI edición do Festival Internacional ViboMask 2026

O Entroido de Cobres participou os pasados 21 e 22 de marzo na XI edición do Festival...

A Morada puxo o broche final ao Entroido de Cobres 2026 cunha xornada de convivencia en Riomaior

O Entroido de Cobres 2026 puxo o seu broche final o pasado sábado 14 de marzo coa celebración da...

O Entroido de Cobres participará na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViboMask 2026

O Entroido de Cobres participará na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica...

O Premio 8M de Vilaboa recoñece ás mulleres que sosteñen vivo o Entroido de Cobres

O Entroido de Cobres foi protagonista do acto institucional do 8M en Vilaboa, no que o Concello...

O Entroido de Cobres leva a súa tradición ata Santiago no Entroido de Sar 2026

O Entroido de Cobres participou o pasado sábado 28 de febreiro no Entroido de Sar 2026, unha...

Morada do Entroido de Cobres 2026

O Entroido de Cobres 2026 continúa a celebración coa tradicional Morada do Entroido, unha xornada...
Ir o contido