O Entroido de Cobres incorpora a xota de San Adrián

Marzo 1, 2025

A banda de gaitas Aires de Cobres, pertencente á Asociación, leva meses ensaiando para estrear nesta edición esta tradicional peza musical.

A comitiva do Entroido de Cobres fixo vibrar as rúas dos barrios e lugares de Vilaboa coa súa marcha festiva nunha xornada soleada na que espertaron sorrisos e arrancaron aplausos coas súas coloridas danzas, mantendo a tradición de achegar a festa ás persoas maiores ou con dificultades para desprazarse ata a carpa instalada en Riomaior, á que chegan todos os días arredor das 19.00 h. Trala actuación sobre o palco, dará comezo a festa nocturna que mañá domingo correrá a cargo do Trío La Noche. Para quen queira desfrutar da parte máis local da danza, o código QR habilitado na web entroidodecobres.com permite localizar en tempo real á comitiva.

O Entroido de Cobres enriquece nesta edición o seu repertorio coa incorporación dunha nova peza: a xota de San Adrián. Trátase dunha canción popular recuperada a partir dun antigo vídeo familiar dunha das mulleres que forman parte do grupo das Veteranas. O músico pontevedrés e profesor Marcelo Dobode encargouse de recompilar a coreografía e iniciar os ensaios coa banda de gaitas Aires de Cobres, que forma parte da Asociación Cultural organizadora da festa e que ten a responsabilidade da parte musical do Entroido.

Son catro as pezas fundamentais do Entroido de Cobres: a danza de Cobres, a xota na eira, o “agarradiño” (que se baila en parella) e a muñeira movida, que vai incrementando o ritmo ata arrancar o aplauso do público. A Asociación Cultural logrou recuperar nos últimos anos algunhas danzas máis, ás que agora se suma a xota de San Adrián, coa que se confía sorprender ao público.

Tanto pola súa vistosidade e colorido como polo labor de recuperación do patrimonio musical tradicional, o Entroido de Cobres merece ser vivido nunha xornada completa. “Para entender e sentir esta festa hai que meterse dentro dela e ver como madamas e galáns, algúns moi novos, senten o orgullo de portar unha tradición tan lonxeva. Camiñar unha media de 15 quilómetros e danzar durante máis de 8 horas é, para toda a familia do Entroido de Cobres, un xeito de corresponder cos nosos antepasados, que con moito menos lograron manter viva esta festa secular. Para nós é unha enorme satisfacción comprobar que temos unha xuventude sá e con valores”, sinala César Poza, alcalde de Vilaboa.

O Concello de Vilaboa convida a toda a veciñanza da contorna a achegarse para gozar do Entroido de Cobres e descubrir a gastronomía típica destas datas da man da hostalaría local.

Na carpa instalaranse postos de polbo e bebida durante a xornada do martes, para quen desexe degustar produtos típicos da cociña galega sen perderse o ambiente do entroido. Mais o Concello tamén pon en valor o bo facer dos numerosos restaurantes, taperías, bares e cafeterías do municipio, que estes días inclúen nas súas cartas pratos tradicionais como o cocido de entroido, o lacón con grelos, o bandullo ou o bolo do pote, ademais de sobremesas como filloas e orellas.

As webs do Concello de Vilaboa (vilaboa.gal) e do Entroido de Cobres (entroidodecobres.com) recollen unha listaxe de establecementos con información de contacto para facer reserva de mesa nestes días, xa que son varios os municipios galegos que teñen programadas excursións a Vilaboa coincidindo co Entroido.

A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, destaca tamén a variada oferta de aloxamento que ofrece Vilaboa para organizar unha escapada e descubrir paraxes naturais como a contorna das Salinas ou a Ruta dos Muíños de Riomaior.

Entroido de Cobres 2026: programación completa e datas

O Entroido de Cobres celebrarase en 2026 cunha programación completa que se desenvolverá do 8 ao...

Participación no Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia

O vindeiro sábado 6 de setembro de 2025, o Entroido de Cobres estará presente en Santiago de...

O Entroido de Cobres viaxa a Sardeña na súa primeira saída da Península Ibérica

O Entroido de Cobres vén de participar no prestixioso Festival Identidades, celebrado na...

O Entroido de Cobres participará en “Identidades 2025”, en Sardeña

O Entroido de Cobres será un dos representantes da tradición galega no festival internacional...

O VII Encontro de Entroidos de Cobres enche Vilaboa de tradición, máscaras e música nunha edición histórica

A sétima edición do Encontro de Entroidos de Cobres, celebrada o sábado 12 de xullo, converteu...

VII Encontro de Entroidos

Vilaboa acolle o Encontro de Entroidos 2025, unha festa de tradición e alegría A Asociación...

BASES DO CONCURSO DE MANUALIDADES “ENTROIDOS TRADICIONAIS”

A Asociación Cultural Cobres, entidade sen ánimo de lucro, con CIF G36128296 e domicilio na Casa...

O Entroido de Cobres leva a súa tradición a cinco grandes eventos da Península

Durante esta primavera, o Entroido de Cobres participou en cinco importantes encontros culturais...

A Morada puxo este sábado o colofón á celebración do Entroido de Cobres 2025

A Asociación Cultural Cobres adicou a xornada a recoñecer a implicación de madamas, galáns,...

A Morada terá lugar este ano o 29 de marzo

O Entroido de Cobres celebrará unha nova edición da Morada o vindeiro sábado 29 de marzo, no...
Ir o contido