O Entroido de Cobres deu comezo este sábado 14 de febreiro cunha das edicións máis multitudinarias da súa historia recente, reunindo un total de 46 parellas de madamas e galáns, preto dun cento de participantes que volveron encher de música, cor e tradición as parroquias de Vilaboa. A comitiva iniciou o seu percorrido ás 10:00 horas, mantendo viva unha das celebracións máis singulares do patrimonio inmaterial galego.
Acompañadas pola música tradicional da agrupación Aires de Cobres, as madamas e os galáns percorreron os distintos barrios do municipio coas súas danzas características, nunha edición marcada polo incremento da participación e pola incorporación de novas xeracións á festa, consolidando así a transmisión dunha tradición centenaria de grande valor cultural.

O aumento do número de participantes levou á organización, formada pola Asociación Cultural Cobres e o Concello de Vilaboa, a ampliar os espazos destinados á celebración. A carpa de Riomaior, epicentro das actividades da tarde e da programación musical nocturna, contou nesta edición cun escenario de maiores dimensións para dar cabida ao crecente número de actuacións e participantes.
A pesar da ameaza de choiva durante a xornada, a tradición mantívose intacta e o público respondeu acompañando unha celebración que cada ano reafirma o arraigo do Entroido de Cobres como unha das manifestacións culturais máis representativas de Galicia. Coa cara descuberta, os elaborados traxes das madamas e galáns, adornados con flores, espellos, cintas e abalorios confeccionados artesanalmente, volveron converter as rúas de Cobres nun espectáculo único.
A programación do Entroido de Cobres 2026 continuaría ata o martes 17 de febreiro, coa tradicional visita ás casas e adegas, os bailes, as festas nocturnas e, como acto central, a esperada Corrida do Galo, un dos rituais máis emblemáticos desta festa declarada de interese turístico e símbolo da identidade cultural de Vilaboa.
