O Entroido de Cobres 2026 comezou a quentar motores o pasado domingo 8 de febreiro coa súa tradicional xornada de presentación polas parroquias de Vilaboa, unha cita xa consolidada que serve para anunciar a chegada da festa e achegar o espírito do Entroido á veciñanza antes dos días grandes da celebración.
A xornada arrancou na Capela de Santa Marta de Bértola, desde onde madamas, galáns, música tradicional e acompañantes iniciaron un percorrido por distintos puntos do municipio, levando a cor, o baile e a alegría característicos dunha das tradicións máis emblemáticas do patrimonio cultural galego.
Un dos momentos máis especiais desta presentación foi a estrea da nova peza do Entroido de Cobres, “Riomaior”, incorporada ao repertorio da festa como unha nova achega ao seu patrimonio musical e coreográfico. A composición musical é autoría de Álvaro Carballo, profesor de gaita da Asociación Cultural Cobres, mentres que a coreografía e o baile foron creados por Marcelo DoBode, profesor de percusión e baile da Asociación, reforzando así o compromiso da entidade coa conservación e renovación dunha tradición viva.
Ao longo do día, as madamas e os galáns, acompañados pola agrupación Aires de Cobres, visitaron diferentes parroquias de Vilaboa, compartindo coa veciñanza un adianto do que serían as intensas xornadas do Entroido, previstas entre os días 14 e 17 de febreiro de 2026.

A presentación deste ano serviu tamén para anticipar unha edición histórica, marcada por unha participación récord no Entroido de Cobres 2026, que poucos días despois reuniría un total de 46 parellas de madamas e galáns, preto dun cento de participantes, converténdose nunha das edicións máis multitudinarias da historia recente da celebración.
A xornada rematou nas Salinas do Ulló, onde persoas participantes e público asistente compartiron o peche da presentación nun ambiente festivo. Porén, a choiva sorprendeu á comitiva no tramo final do acto, obrigando a reducir a exhibición prevista, na que finalmente só puideron interpretarse dúas pezas de baile antes de dar por concluída a actividade.
Coa presentación polas parroquias, o Entroido de Cobres deixaba xa todo preparado para unha nova edición dunha festa única en Europa, recoñecida pola singularidade das súas madamas e galáns, que desfilan co rostro descuberto e espectaculares traxes elaborados artesanalmente.
