Nin a choiva detivo o Entroido de Cobres 2026: chuvasqueiros, humor e moitas ganas de festa

Febreiro 17, 2026

O Entroido de Cobres 2026 continúa enchendo as parroquias de Vilaboa de música, baile e tradición a pesar da choiva, protagonista en boa parte das xornadas da festa. O mal tempo non está a impedir que madamas, galáns, músicos e acompañantes manteñan vivo o espírito do Entroido, deixando algunhas das imaxes máis singulares desta edición.

Entre elas destaca unha escena xa convertida nun dos símbolos deste 2026: madamas e galáns bailando baixo a choiva protexidos con chuvasqueiros transparentes, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Cobres para facer fronte ás previsións meteorolóxicas adversas e protexer os delicados traxes sen renunciar ao desenvolvemento normal da celebración.

As elaboradas vestimentas do Entroido de Cobres, decoradas con flores, espellos, cintas e abalorios confeccionados artesanalmente, requiren un coidado especial ante a choiva. Por iso, os chuvasqueiros están a permitir preservar un patrimonio material no que as familias e participantes traballan durante meses, ao tempo que continúan os percorridos, os bailes e as visitas ás parroquias previstas no programa.

Pero a choiva tamén está a deixar unha estampa que moitas persoas identifican co Entroido de antano. En diferentes momentos destes días, as condicións meteorolóxicas están a favorecer que a comitiva recupere unha tradición histórica da festa: a entrada nas casas da veciñanza, onde madamas, galáns e músicos son recibidos para compartir un momento de convivencia, música e hospitalidade. Unha imaxe máis íntima do Entroido que lembra como se vivía a celebración décadas atrás, cando os fogares formaban parte esencial do percorrido festivo.

Lonxe de converter a choiva nun problema, bailaríns e músicos están a afrontar estas xornadas cunha gran dose de humor, retranca e ganas de festa, adaptándose ás circunstancias sen perder o sorriso nin as ganas de facer bailar á veciñanza. Entre bromas, improvisacións e moita complicidade, a auga está a converterse nun ingrediente máis dun Entroido diferente, pero igualmente memorable.

A pesar do tempo, o Entroido de Cobres mantén intacto o seu espírito festivo nunha edición histórica marcada ademais pola participación récord de 46 parellas de madamas e galáns, preto dun cento de participantes, converténdose nunha das edicións máis multitudinarias da historia recente da celebración.

A festa vivirá esta tarde unha das súas citas máis esperadas coa celebración da tradicional Corrida do Galo, o acto central do Entroido de Cobres, que terá lugar en Riomaior. Os xogos do galo, os bailes, a intervención do predicador e a queima final volverán reunir participantes, veciñanza e visitantes nunha despedida cargada de simbolismo para pechar unha nova edición dunha das festas tradicionais máis singulares de Galicia.

A Noite de Encontros do VIII Encontro de Entroidos de Cobres 2026 xa ten cartel completo

O VIII Encontro de Entroidos de Cobres, que se celebrará o 27 de xuño en Vilaboa, xa ten pechado o...

VIII Encontro de Entroidos de Cobres 2026: Vilaboa volverá converterse na capital do Entroido tradicional

O Entroido de Cobres celebrará o sábado 27 de xuño de 2026 a VIII edición do Encontro de...

O Entroido de Cobres xa é oficialmente Festa de Interese Turístico Nacional

O Entroido de Cobres vén de acadar oficialmente a declaración de Festa de Interese Turístico...

O Entroido de Cobres recibe aos participantes da Ultreia 2026 ao seu paso por Vilaboa

O Entroido de Cobres participou este pasado domingo 12 de abril na Ultreia 2026 Tui–Pontevedra,...

O Entroido de Cobres leva a tradición de Vilaboa á XI edición do Festival Internacional ViboMask 2026

O Entroido de Cobres participou os pasados 21 e 22 de marzo na XI edición do Festival...

A Morada puxo o broche final ao Entroido de Cobres 2026 cunha xornada de convivencia en Riomaior

O Entroido de Cobres 2026 puxo o seu broche final o pasado sábado 14 de marzo coa celebración da...

O Entroido de Cobres participará na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViboMask 2026

O Entroido de Cobres participará na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica...

O Premio 8M de Vilaboa recoñece ás mulleres que sosteñen vivo o Entroido de Cobres

O Entroido de Cobres foi protagonista do acto institucional do 8M en Vilaboa, no que o Concello...

O Entroido de Cobres leva a súa tradición ata Santiago no Entroido de Sar 2026

O Entroido de Cobres participou o pasado sábado 28 de febreiro no Entroido de Sar 2026, unha...

Morada do Entroido de Cobres 2026

O Entroido de Cobres 2026 continúa a celebración coa tradicional Morada do Entroido, unha xornada...
Ir o contido