A Corrida do Galo puxo o broche final a un Entroido de Cobres 2026 histórico

Febreiro 19, 2026

O Entroido de Cobres 2026 despediuse este martes 17 de febreiro coa celebración da tradicional Corrida do Galo, a xornada grande dunha das festas máis singulares de Galicia, que volveu reunir en Riomaior a centos de persoas para vivir unha tarde marcada pola tradición, o humor, a participación e a emoción do peche dunha edición histórica.

Presentada por Isi, coñecido pola súa participación na TVG, e Marci Varela, a tarde estivo chea de actividade desde primeira hora, nun recinto que acolleu veciñanza, visitantes e participantes nun ambiente festivo que resistiu tamén ás incertezas meteorolóxicas que marcaron parte do Entroido deste ano.

Ao longo da tarde sucedéronse distintos pases de baile das madamas e galáns, acompañados pola música tradicional de Aires de Cobres, así como actuacións das veteranas do Entroido, que volveron subir ao escenario para demostrar que a tradición continúa viva xeración tras xeración.

Un dos momentos centrais da xornada foron os tradicionais xogos populares do galo, que volveron espertar a expectación do público e a rivalidade amigable entre participantes. Nesta edición, Desirée González proclamouse vencedora de O Galo no Río, Adrián Nacimiento resultou gañador de O Galo na Vara, mentres que Junior Jiménez levou o triunfo na esperada Corrida do Galo, converténdose nun dos protagonistas da tarde.

Durante a celebración tamén tivo lugar o tradicional concurso de disfraces, que volveu encher Riomaior de creatividade e humor, así como a entrega de premios do concurso de decoración de lazos para o galo, elaborado polo alumnado do CEP Plurilingüe de Riomaior e do CPI do Toural, unha iniciativa que volveu implicar aos centros educativos de Vilaboa na conservación da tradición máis representativa do municipio.

A programación incluíu ademais a tradicional venda de rifas solidarias, grazas á doazón de lotes de aceite por parte de Aceites Abril, unha colaboración que permitiu contribuír á recadación de fondos para o Entroido de Cobres e que un ano máis contou cunha gran participación do público asistente.

Ao longo da tarde tamén fixo acto de presenza o predicador, interpretado nesta edición por Isi, quen foi deixando momentos de humor, retranca e interacción co público ao longo da programación, achegando unha das figuras máis características da Corrida do Galo.

Xa no tramo final da xornada, antes da despedida oficial, o público puido volver emocionarse coa proxección do himno do Entroido de Cobres, realizado en 2025, un audiovisual que se consolidou como un dos símbolos máis recentes da festa e que serviu para poñer memoria, emoción e identidade ao peche da celebración.

Como marca a tradición, a xornada culminou co tradicional Sermón do Galo, seguido da esperada Queima do Galo, acto simbólico que puxo o broche final a catro intensos días de música, baile e convivencia.

O Entroido de Cobres 2026 pecha así unha edición para a historia, marcada pola participación récord de 46 parellas de madamas e galáns, preto dun cento de participantes, a estrea da nova peza “Riomaior”, a resistencia fronte á choiva e, sobre todo, polo compromiso dunha comunidade que segue facendo posible unha das tradicións máis singulares do patrimonio cultural galego.

A Noite de Encontros do VIII Encontro de Entroidos de Cobres 2026 xa ten cartel completo

O VIII Encontro de Entroidos de Cobres, que se celebrará o 27 de xuño en Vilaboa, xa ten pechado o...

VIII Encontro de Entroidos de Cobres 2026: Vilaboa volverá converterse na capital do Entroido tradicional

O Entroido de Cobres celebrará o sábado 27 de xuño de 2026 a VIII edición do Encontro de...

O Entroido de Cobres xa é oficialmente Festa de Interese Turístico Nacional

O Entroido de Cobres vén de acadar oficialmente a declaración de Festa de Interese Turístico...

O Entroido de Cobres recibe aos participantes da Ultreia 2026 ao seu paso por Vilaboa

O Entroido de Cobres participou este pasado domingo 12 de abril na Ultreia 2026 Tui–Pontevedra,...

O Entroido de Cobres leva a tradición de Vilaboa á XI edición do Festival Internacional ViboMask 2026

O Entroido de Cobres participou os pasados 21 e 22 de marzo na XI edición do Festival...

A Morada puxo o broche final ao Entroido de Cobres 2026 cunha xornada de convivencia en Riomaior

O Entroido de Cobres 2026 puxo o seu broche final o pasado sábado 14 de marzo coa celebración da...

O Entroido de Cobres participará na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViboMask 2026

O Entroido de Cobres participará na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica...

O Premio 8M de Vilaboa recoñece ás mulleres que sosteñen vivo o Entroido de Cobres

O Entroido de Cobres foi protagonista do acto institucional do 8M en Vilaboa, no que o Concello...

O Entroido de Cobres leva a súa tradición ata Santiago no Entroido de Sar 2026

O Entroido de Cobres participou o pasado sábado 28 de febreiro no Entroido de Sar 2026, unha...

Morada do Entroido de Cobres 2026

O Entroido de Cobres 2026 continúa a celebración coa tradicional Morada do Entroido, unha xornada...
Ir o contido