O Entroido de Cobres participou o pasado sábado 21 de febreiro no tradicional Carnaval de Piasca 2026 (Liébana, Cantabria), nunha xornada dedicada á celebración e difusión do patrimonio cultural inmaterial na que o Entroido de Cobres compartiu espazo con outras manifestacións tradicionais chegadas de diferentes puntos do Estado.
A participación do Entroido de Cobres formou parte dun amplo programa organizado pola Asociación Cultural “Andruido en la Paré de Piasca”, no que tamén estiveron presentes figuras tradicionais como El Atenazador de San Vicente de la Cabeza (Zamora) e os Zamarrones de Los Carabeos (Cantabria), nun encontro centrado na recuperación, divulgación e posta en valor das tradicións carnavalesas de raíz popular.

Ao longo da xornada, madamas e galáns do Entroido de Cobres participaron nos actos centrais do carnaval, compartindo música, baile e convivencia co resto de agrupacións convidadas. Un dos momentos máis destacados da visita foi o gran pasarrúas polas rúas da vila de Potes, onde as danzas tradicionais do Entroido de Cobres, acompañadas pola música de Aires de Cobres, volveron espertar a curiosidade e admiración do público asistente.
Desde o Entroido de Cobres quérese expresar un profundo agradecemento pola nova invitación a participar nesta celebración, destacando o cariño recibido por parte da organización e da veciñanza de Piasca. Formar parte dun encontro destas características supón unha oportunidade única para seguir compartindo tradicións, estreitar lazos entre celebracións populares e continuar levando o nome do Entroido de Cobres máis alá de Galicia.
Porque volver a Piasca é sempre un pracer. Unha oportunidade para reencontrarse con persoas comprometidas coa conservación das tradicións e para seguir demostrando que o patrimonio cultural segue vivo cando se comparte, se celebra e se transmite de xeración en xeración.
