O Entroido de Cobres participará o próximo sábado 28 de febreiro de 2026 no Entroido de Sar 2026, unha cita festiva organizada pola Asociación Cultural Eu de Sar de Toda a Vida e os Xenerais da Ulla, que reunirá diferentes expresións do entroido tradicional galego nunha xornada de música, tradición e convivencia.
A participación do Entroido de Cobres terá lugar no gran desfile previsto a partir das 17:30 horas, que sairá desde o Cruceiro de Sar ata a Colexiata de Sar, nun percorrido no que as madamas e galáns de Cobres compartirán espazo con outras figuras emblemáticas do entroido galego, como os Boteiros e Fulión de Viana do Bolo e os propios Xenerais da Ulla.
A cita supón unha nova oportunidade para seguir levando o Entroido de Cobres máis alá do municipio e compartir escenario con outras celebracións que, como a de Cobres, traballan pola conservación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.
Desde o Entroido de Cobres quérese agradecer especialmente a invitación da Asociación Cultural Eu de Sar de Toda a Vida e dos Xenerais da Ulla, sendo sempre un pracer formar parte de encontros que apostan pola divulgación e posta en valor das tradicións populares.
📍 Lugar: Sar – Santiago de Compostela
📅 Data: Sábado, 28 de febreiro de 2026
🕠 Hora do desfile: 17:30 h

