O Entroido de Cobres participou os pasados 21 e 22 de marzo na XI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViboMask 2026, un dos principais encontros dedicados ás máscaras e entroidos tradicionais da Península Ibérica, celebrado nos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso (Ourense). O festival reuniu nesta edición a máis de medio cento de personaxes e agrupacións tradicionais procedentes de Galicia, do resto do Estado e de Portugal, consolidándose como un gran escaparate do patrimonio cultural inmaterial.
As madamas e galáns do Entroido de Cobres, acompañadas pola música de Aires de Cobres, formaron parte dos dous grandes desfiles do festival: o celebrado o sábado en Viana do Bolo e o do domingo en Vilariño de Conso, compartindo espazo con algunhas das mascaradas máis emblemáticas da Península, entre elas os Xenerais da Ulla, os Cigarróns de Verín, os Peliqueiros de Laza, os Jarramplas de Estremadura, os Joaldunak do País Vasco ou os tradicionais Caretos de Portugal.

Ao longo de toda a fin de semana, o Entroido de Cobres volveu espertar a curiosidade e admiración do público asistente, levando ata terras ourensás unha das tradicións máis singulares de Galicia, caracterizada pola elegancia das súas madamas e galáns, os seus bailes tradicionais e unha identidade propia que continúa viva grazas á transmisión xeracional e ao compromiso da veciñanza de Cobres.
Desde o Entroido de Cobres quérese expresar un agradecemento especial á organización do Festival Internacional ViboMask por contar un ano máis coa tradición de Cobres, destacando o agarimo recibido tanto por parte da organización como do público asistente. Participar nun encontro destas características é sempre unha honra e unha oportunidade para seguir compartindo experiencias con outras celebracións irmás comprometidas coa conservación do patrimonio cultural.

“Un pracer participar e un orgullo dar a coñecer o noso Entroido fóra de Vilaboa”, resumían desde a organización do Entroido de Cobres ao remate dunha intensa fin de semana na que a tradición de Cobres volveu ocupar un lugar destacado nun dos encontros internacionais de mascaradas máis importantes da Península.
