O Entroido de Cobres participou este pasado domingo 12 de abril na Ultreia 2026 Tui–Pontevedra, organizada por Diario de Pontevedra e a Agrupación Deportiva HQR, recibindo e animando ás persoas participantes no seu paso polo municipio de Vilaboa, na recta final dun dos percorridos máis emblemáticos do Camiño Portugués a Santiago. A oitava edición da marcha reuniu un récord de 776 participantes, consolidándose como unha das grandes citas deportivas e de convivencia da provincia.
A Ultreia, que une Tui e Pontevedra ao longo de ata 52 quilómetros, percorre diferentes treitos do Camiño Portugués e combina deporte, patrimonio, paisaxe e espírito de superación, ofrecendo ademais percorridos adaptados con final en O Porriño, Redondela, Arcade ou Pontevedra, segundo a distancia escollida polas persoas participantes.
As madamas e galáns do Entroido de Cobres, acompañadas pola música tradicional de Aires de Cobres, déronse cita xunto á histórica capela de Santa Marta, en Vilaboa, para ofrecer unha calorosa benvida ás persoas participantes e acompañalas con música, baile e ánimo nun dos últimos esforzos antes da chegada á meta.

A presenza do Entroido de Cobres converteu este momento nunha das estampas máis singulares da xornada, sorprendendo a camiñantes e participantes coa elegancia das súas vestimentas tradicionais e achegando un toque de identidade cultural galega a unha iniciativa que aposta pola posta en valor do territorio, do patrimonio e do propio Camiño de Santiago. O bo ambiente marcou unha edición histórica da Ultreia, que reuniu arredor de 800 persoas nunha xornada de convivencia e deporte.
Desde o Entroido de Cobres quérese agradecer á organización da Ultreia 2026 Tui–Pontevedra, ao Diario de Pontevedra e á Agrupación Deportiva HQR a invitación para formar parte desta iniciativa, que combina deporte, cultura, territorio e convivencia.
Participar nun evento destas características supón tamén unha oportunidade para seguir levando a tradición do Entroido de Cobres a novos espazos, compartindo cultura e contribuíndo a facer da experiencia das persoas participantes un recordo aínda máis especial ao seu paso por Vilaboa.
