Vilaboa converteuse novamente nun referente do patrimonio inmaterial coa celebración do V Encontro de Entroidos, que tivo lugar o pasado sábado 8 de xullo de 2023 na explanada de Riomaior. O evento reuniu a 12 delegacións de entroidos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León e Portugal, nun vistoso paseo de máscaras que puxo en valor a diversidade de expresións festivas vencelladas ao ciclo do Entroido.
As Madamas e Galáns de Cobres xunto cos Veteranos do Entroido de Cobres, exerceron como anfitrións da cita, acompañados por:
- Merdeiros (Vigo, Pontevedra)
- Mudados e Perriñas de Ribadetea (Ponteareas, Pontevedra)
- Fulións e Boteiros (Viana do Bolo, Ourense)
- Pitas de Eiroas (Ourense)
- Xenerais do Ulla (Comarca do Ulla, A Coruña)
- Sidros e Comedies (Valdesoto, Asturias)
- Andruido en la Paré de Piasca (Piasca, Cantabria)
- Antruejo de Carrizo de la Ribera (León)
- Caretos de Lazarim (Lamego, Portugal)
- Caretos de Arcas (Bragança, Portugal)
O Encontro de Entroidos de Vilaboa consolídase como unha das poucas citas do calendario galego que xunta estas expresións vivas do entroido rural tradicional, moitas delas recoñecidas como Ben de Interese Cultural ou declaradas festas de interese turístico. Máis alá do espectáculo visual, a cita aposta pola defensa do patrimonio inmaterial e o intercambio cultural entre pobos que comparten unha mesma raíz festiva.
Observacións: no vídeo vese o desfile de todos os entroidos participantes, e á xente participar no V Encontro de Entroidos.
