El Arraigo de la Fiesta
en la Localidad
Recóllese aquí a participación cidadá no desenvolvemento da festa, destacando a implicación do Concello de Vilaboa na súa continuidade, mediante a obtención de Festa de Interese Turístico de Galicia e o financiamento da Asociación Cultural Cobres e de parte dos gastos das celebracións.
Asociación Cultural Cobres – Directiva do Entroido
A Asociación Cultural Cobres constituíuse en 1990, sendo un dos seus obxectivos o da organización dos festexos de entroido.
A directiva do Entroido está formada por membros da Asociación Cultural Cobres, que durante todo o ano se encarga de manter intacta a tradición mediante a contratación de profesorado, a organización de ensaios, a investigación da historia do Entroido e a recuperación de tradicións perdidas, e a introdución de novas variantes que permitan actualizar a celebración e conseguir que perdure no tempo, a coordinación de actuacións noutros lugares aos que convidan a participar ao Entroido de Cobres para dalo a coñecer alén do municipio de Vilaboa, e así poder atraer turistas ao Entroido de Cobres. Tamén leva a cabo a organización dende 2018 do «Encontro de Entroidos» (encontro de carnavais tradicionais da Península Ibérica) en época estival (segunda fin de semana de xullo) co gallo de atraer tamén ao municipio persoas doutros lugares que compartan as súas tradicións e coñezan a nosa.
Á directiva súmanse outras persoas que durante os días nos que ten lugar o Entroido de Cobres botan unha man na organización dos xogos, no avituallamento de bailaríns e bailarinas, dos músicos e das músicas e nos seus desprazamentos entre parroquias, etc.
A veciñanza
A comitiva percorre as parroquias na procura de donativos, polo que son os veciños e veciñas de Cobres os que corren cunha parte dos gastos que se derivan da súa celebración.
As familias dos bailaríns e bailarinas[1]
Teñen especial relevancia as familias das madamas, dos galáns e dos demais bailaríns debido ao traballo que teñen que realizar previamente e durante os días do Entroido para prepararen os traxes, vestiren os e as danzantes e arranxaren posibles danos despois de cada xornada do Entroido de Cobres. Hai ademais determinadas persoas en Cobres que ensinan a outras a arte de manufacturar as vestimentas, e sobre todo, unhas poucas persoas que saben o oficio de confeccionar os sombreiros, o símbolo por excelencia do Entroido de Cobres.
Colaboración con outras entidades
As Comunidades de Montes de San Adrián e Santa Cristina de Cobres colaboran co Entroido de Cobres emprestando as súas instalacións para os períodos de descanso e comida durante os percorridos.
Os centros educativos do municipio como o CRA de Vilaboa e o CEP Plurilingüe de Riomaior colaboran activamente na transmisión da tradición, participando nos últimos anos na decoración do galo que se queima ao final da «Corrida do galo[2]».
A Escola de Fútbol Cobres[3] colabora levando na súa equipaxe deportiva a silueta dunha madama e un galán do Entroido. A súa directiva colabora na venda de bebidas os catro días de festa nocturna do Entroido.
O piloto vilaboés de rally Pablo Castro[4] leva no seu coche o adhesivo do Entroido de Cobres.
[1] Coloquio sobre os traxes do Entroido.
[2] Galo decorado para o martes de entroido de 2024.
[3] Fotografías da camiseta en RRSS do clube.
[4] Fotografías do coche de Pablo Castro.