A Festa
Vestimenta e persoeiros
Os traxes do Entroido de Cobres, singulares, coloridos, espectaculares, alma do entroido de cobres xunto coas danzas
Meses antes do comezo do Antroido os Maiordomos van na procura dun grupo de mozos e rapaces, dun número que oscila entre 75 e 100 persoas; os tradicionais son as madamas e galáns, que son como mínimo 6 parellas, podendo chegar a 20, acompañados logo de aldeáns, e o resto, vestidos de branco ou traxes tradicionais. O artesanal traballo de prepara-las roupas é de por si moi valioso. Traxes preciosos onde abunda a bixutería e a xoiería.
Algo que sempre sorprende ao visitante é que en Cobres, non se utilizan máscaras nin antefaces. Por tradición a cara vai descuberta permitindo enxalzar outros valores como a beleza das “Madamas” e a gallardía dos “Galáns”, sen esquecernos das fermosas mozas de branco e a louzanía e frescura de quen as acompaña, ou as engaiolantes e encantadoras Aldeanas que acoden á celebración.
No noso Entroido, a vestimenta cóidase con delicado esmero ata o último detalle de pulcritude; as cintas, os abelorios, os reloxos son elementos que dan vistosidade e acompañan aos suntuosos sombreiros –verdadeiras xoias artesanais- concibidos para a relaxación da vista grazas á policromía e perfecta harmonía das múltiples pezas que o compoñen.
As madamas, mozas decididas con vistosas saias con encaixes, chambra branca sobre a que locen un peitoril con cadeas e outros adornos metálicos imprimíndolles aires matronís. Cintas e faixas, mailas sobresaias, realzan a súa donairosa figura. A cara, descuberta, baixo un gran sombreiro rechamante e multicolor, con multitude de brillantes e pequenos adornos, flores (presente dos espíritos da vexetación), anacos de espellos, bonecos pequenos, prolongándose polo lombo con cintas adornadas que estilizan a figura da moza, ó redor da base do sombreiro, hai plumas que xunto con outros adornos recobren o armazón de palla, podendo chegar a pesar cada sombreiro 7 Kg. Logo as mellores xoias de ouro sobre o gorro e o peitoril, subliñan a grandeza da insólita roupaxe. Ámbolos dous antebrazos ateigados de reloxos, se cadra, para pregoa-lo feliz inicio da primavera ou do ano biolóxico, vexetal e cósmico.
Temos que dicir que un sombreiro de Madama leva facelo máis dun mes dedicándolle un tempo diario, e non digamos o peitoril unha prenda de exquisita finura que xunto coa blusa e a saia branca ambas las dúas adornadas con cintas de cores e pasamanarías diversas, zapatos negros e medias finas, compoñen a vestimenta da Madama, sendo o do Galán unha vestimenta que resalta a similitude de cores co da Madama pois componse de sombreiro de flores con algunhas variantes sobre todo no peso do mesmo, pois é máis lixeiro co das Madamas, leva o Galán camisa branca con adornos de cintas de cores garabata encarnada, pano de seda que cubre a cintura ata os xeonllos, pantalón branco con liña lateral de cor vivo (bandeira galega ou española) e zapato negro.
Os de Branco a diferenza dos Galáns cobren a cabeza con unha pucha plana, tipo boina, de cor encarnada coas súas correspondentes cintas adornadas nos homes. Ocorrendo o mesmo nas mulleres, que con menos abaloiros e adornos que as Madamas levan a cabeza ao descuberto. E por último as Aldeanas que forman o final da comitiva, van vestidas de diferentes oficios e costumes representado a clase máis humilde do pobo.
Os persoeiros
Arredor da celebración emerxe un mundo representativo de niveis sociais e roles, de xénero e posición económica, que se percebe tanto pola vestimenta común entre o grupo e diferenciadora do resto, como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións:
Madamas:
mulleres de posición social elevada, ocupan un lugar central no desenvolvemento do Entroido, cunha estética dirixida claramente a diferenciarse do resto.
Galáns:
homes que pola súa posición e situación económica ansían a busca de parella entre as Madamas, polo que destacan sobre o resto.
Os de Branco:
poden ser tanto homes ou mulleres que ocupan unha posición intermedia, inferior á das persoaxes anteriores.
Aldeanos:
ocupan o último eslavón da cadea e representan o grupo maioritario da sociedade e tempo ao que se refire.
Ten o Entroido de Cobres outros persoaxes importantes que forman parte desta festa ancestral; A Corrida do Galo
O predicador, persoaxe enigmático que non revela a súa identidade, pero que no seu discurso fai critica de tódolos acontecementos ocorridos durante o ano non só nas parroquias de Sta. Cristina e San Adrián de Cobres, si non tamén de actos puntuais que ocorren no Concello; culturais, artísticos, políticos, deportivos sociais, etc.
Este é, sen dúbida, outro dos grandes atractivos das festas, e no seu sermón repasará os acontecementos da vida social do Concello para mofa de moitos e vergoña duns poucos.
As danzas
Son a alma do Entroido de cobres xunto cos traxes.
Xunto coa artesanía dos vestidos, o baile destaca como un dos elementos principais do Entroido. Tradicionalmente para preparalos, habilitábase un baixo dunha casa, un galpón , ou un alpendre onde unha ou dúas veces por semana ensaiaban os puntos para montar os bailes:
Danza do Antroido de Cobres, muiñeira, xota e un agarradiño, música de autor descoñecido e considerada de carácter tradicional; non así os bailes, se cree que nacidos no lugar da Cardiña xunto co Entroido de Cobres, onde se vive dun xeito moi intenso todo o que conleva o entroido, tanto é así que se mantén a tradición de que o entroido ten que percorrer a Cardiña o mesmo martes de Antroido como proba de respecto e pleitesía ó lugar e ás xentes descendentes dos ancestros que se cre lle deron vida a esta tradición declarada festa de interese turístico.
Durante estes catro días (sábado, domingo, luns e martes) a “comparsa” percorre tódalas pistas das dúas parroquias organizadoras do Entroido, as de Santa Cristina e San Adrián, as dúas de Cobres, deténdose cada vez que chegue á vivenda de calquera veciño.
Unha vez diante da casa escollida, as madamas e os galáns, xunto co resto dos compañeiros e acompañados pola música dun grupo de gaiteiros que lles seguen, bailarán, dúas, tres ou catro pezas, que normalmente son muiñeiras, xotas ou pasodobres, tralo que esperarán pacientemente a merecida propina, lanzándose unha bomba cada vez que un cidadán contribúe desta forma co Entroido.
Nerbargantes, si dos moradores da vivenda escollida pola comparsa, non se recibe a propina suficiente, responderán co silencio, diferenciándose deste xeito ós veciños desprendidos dos que non o son tanto.
Ata o anoitecer a comparsa continúa o seu paseo sen deterse, nin sequera á hora de comer, dado que con algún bocadillo e algún refresco con que lles obsequian nalgúns dos fogares por onde pasan, é suficiente para seguir adiante. Polas noites, os catro días, dende o sábado ata o martes, ten lugar un baile, con disfraces incluídos, nun recinto habilitado para elo, no lugar de Riomaior, sen a presenza xa, das madamas e os galáns, pero si coa de grupos de gaiteiros que serven para acompañar as acostumadas orquestras que actúan en tódalas verbenas de Galicia.
Ata o martes ó mediodía, o Entroido de Cobres, desenrólase exclusivamente entre os bailes dos integrantes da comparsa, as bombas de agradecemento e as verbenas nocturnas, dado que é nese intre cando a singular comitiva remata o seu percorrido. Tras unha comida forte, dado que este é un dos días festivos máis sinalados no Municipio, e de xeito festivo local, dará comezo a chamada “CORRIDA DO GALO”.
Na actualidade a preparación do Entroido dos Cobres faise na Casa da Cultura de Riomaior lugar de asentamento da Asociación Cultural Cobres, entidade nacida hai 20 anos e que dende entón non só é a responsable da organización e preparación de todo o que conleva o entroido, se non que se ocupa de cubrir unha das parcelas culturais dentro do Concello de Vilaboa mantendo vivo o folclore tradicional con obradoiros de baile, gaita , e percusión ó mesmo tempo que organiza actos artísticos e culturais abertos a tódolos asistentes que o desexen.
Corrida do Galo
A Corrida do Galo, no Entroido de Cobres, tradición ancestral…
O día estrela é, sen lugar a dúbidas, o Martes de Entroido, festividade local. Pola mañá, as “Madamas” e “Galáns” pecharán o seu percorrido para celebrar, pola tardiña, a tradicional Corrida do Galo; a cal comezará no momento en que as “Madamas” e “Galáns” fagan a súa entrada no recinto de festas coas súas músicas e bailes tradicionais. Daquela dará comezo a festa na que participa a mocidade do lugar, competindo e concursando en diferentes modalidades de xogos populares tradicionais, do que sen lugar a dúbidas destaca a “Corrida do Galo” tradición que se mantén só en Cobres.
A Corrida do Galo é o acto principal deste gran día, onde xa antes os membros da comisión percorreron tódolos galiñeiros na procura do mellor galo, poñendo a disposición “dos vellos” quen son os encargados de coidar do galo e tentando que ninguén llo leve. Estes “vellos” da corrida, gardiáns do galo, sen unha roupaxe propia, coa cara cuberta como ben poidan, e armados con paus, estacas, fungueiros… baixan co galo coas patas atadas e fan coma se o soterraran nun burato feito para tal evento, tapándolle con terra tan só as patas.
Pero é o cerimonial do martes de Entroido pola tarde o que centra o noso interese. No torreiro había un palco ou púlpito de madeira adornado con mimosas, o público rodeaba expectante as madamas e os galáns que bailaban ao son da música dos gaiteiros. Nun momento dado, os gaiteiros saían a buscar os Vellos do Entroido que traían o galo con eles. Nunha focha enterraban o animal, deixándolle a cabeza fóra, e ao redor efectuaban a danza.
De súpeto, de entre o público ou mesmo de entre os propios socios, arrincaba alguén a correr, agarraba o galo pola cabeza e fuxía a toda velocidade. Os Vellos, atentos e armados con gallas, perseguían o atrevido e recuperaban o plumífero protagonista do Entroido. O ímpeto e a agresividade na resposta dos Vellos variaba claramente dependendo de se os ladróns eran da propia parroquia -cos que eran tolerantes- ou se eran das parroquias limítrofes -cos que exhibían a base de pancadas a súa intranxixencia brutal.
Volveremos máis adiante a este punto, ao poñelo en relación coas pugnas polos Mecos. Aparecía despois en escena o predicador, tamén disfrazado, que dende o seu púlpito lanzaba o Sermón do Galo e mordaces críticas en verso contra os vicios dos veciños. Pero o público non era unha figura pasiva, senón que, como verdadeiro crítico literario, respondía activamente abanando o palco ata botar abaixo a aquel que os insultara momentos antes: a licenza concedida a este enmascarado para traspasar límites (verbais) quedaba revogada.
E chegamos ao clímax: o sacrificio do galo. En 1991, o gobernador civil Parada Mejuto prohibe este rito que xa dende os anos 40 se fora diluíndo ata quedar completamente esvaecido. Tiveron que acudir no noso auxilio as lembranzas dos máis vellos da parroquia para recompoñer o escenario “orixinal” e dar sentido ao lenzo. Confeso que o abraio foi maiúsculo ao descubrir que eran as madamas as que “cun sable de madeira” lle quitaban a vida ao galo.
Variantes actuais da Corrida do Galo
Galo no Río:
Unha vara de madeira engraxada, cruzada sobre o río por onde os participantes terán que cruzar a pe sen caerse para collelo galo que está suxeito á punta. Os que non o conseguen caen ao río sen ningunha recompensa, tan só a molladura nas frías augas de febreiro. O que o logre levará de premio un galo máis unha cantidade de diñeiro.
Observacións:
No vídeo pódense ver os participantes do “galo no rio” intentando cruzar o mesmo por un tronco de árbore moi fino, a pé e intentando non caerse ó rio, para coller o galo que está colgado dunha corda. O primeiro deles cae á auga, o segundo logra cruzar case todo o rio enriba do tronco, dá un salto para coller o galo e lógrao caendo despois tamén cae á auga. A xente aplaude e ri co espectáculo.
Galo na Vara:
Consiste nunha vara de madeira de aproximadamente cinco metros de alto recuberta de graxa pola que os concursantes teñen que subir para poder facerse co galo que os agarda no máis alto. Quen o consiga levará de premio ademais do galo unha cantidade en metálico.
Observaciones:
No vídeo pódense ver os participantes do “galo na vara” intentando subir un tronco de árbore moi fino donde na punta colga o gallo. Inténtano moitos e incluso se forman equipos para logralo pero a dificultade é brutal e o galo está moi alto, Ó final ningún logra conseguir atrapar o galo.
Vídeos
“Madamas e Galáns”. Historia do Entroido de Cobres
Percorremos neste documental a historia do Entroido de Cobres e dos diferentes entroidos enxebres que se celebraban no concello de Vilaboa
O Entroido tradicional galego é moi rico e diverso en personaxes, ritos e tradicións. Dentro desta riqueza de expresións destaca o Entroido de Cobres, no que as Madamas e os Galáns son os seus protagonistas máis senlleiros. Percorremos neste documental a historia do Entroido de Cobres e dos diferentes entroidos enxebres que se celebraban no concello de Vilaboa. Descubrimos o significado profundo desta festa ritual, os seus elementos constituíntes, os aspectos que se perderon co paso do tempo e o xeito no que hoxe se celebra este famoso entroido.
Dirección: Rafael Quintía
Guión: Rafael Quintía e Xosé Anxo Rosales
Montaxe: Miguel Alonso
Edición: Miguel Alonso
Música: Rafael Quintía e João Bieites
Unha producción de Ab Origine Antropoloxia promovida e financiada pola Asociación Cultural Cobres-Vilaboa. Coa colaboración do Concello de Vilaboa e da Deputación de Pontevedra.