Esta mañá membros da Asociación Cultural Cobres acompañados do alcalde de Vilaboa estiveron presentes na reunión convocada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no Museo do Entroido en Xinzo de Limia.
Representantes de outros entroidos de Galicia tamén estiveron presentes nesta reunión na que o conselleiro avanzou que dende a Xunta de Galicia publicarase no próximo DOG de 25 de xaneiro a normativa que permitirá a declaración do Entroido de Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC).
Cada entroido deberá aportar a documentación que se lle requira para entrar a formar parte desta iniciativa da Consellería, que pretende por en valor o interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial desta celebración no territorio.
O Entroido de Cobres xa presentara a súa solicitude para ser declarado BIC, polo que se adherirá a esta convocatoria co obxectivo de seguir dando pasos para a protección e valorización do noso entroido.