Abertas ao público en Vigo, a primeira na cuarta planta das instalacións de El Corte Inglés dende o 29 ata o 6 de febreiro, e no Museo Liste do 30 de xaneiro ata o 16 de febreiro
Os traxes típicos de madamas e galáns participarán ata o 6 de febreiro na exposición temporal que sobre o Entroido Galego organiza El Corte Inglés na cuarta planta das súas instalacións en Vigo, e no Museo Liste ata o 16 de febreiro.
As persoas que se acheguen observarán con detalle o artesanal traballo de preparación das roupas, con especial atención aos complementos de xoiaría.
Trátase dun Entroido que desbotou as máscaras e antefaces e mantivo intacto o esmero e a pulcritude en cada un dos detalles dos traxes, nos que cintas, abelorios e reloxos son elementos que dan vistosidade ao conxunto no que o verdadeiro protagonista é o suntuoso sombreiro, verdadeira xoia artesanal, concibida para a relaxación visual grazas á policromía e perfecta harmonía das múltiples pezas que o compoñen: multitude de brillantes e pequenos adornos, flores, pequenos espellos, bonecos pequenos e prolongándose polas costas cintas que estilizan a figura da rapaza. Arredor da base do sombreiro, hai plumas que con outros adornos recubren o armazón de palla, chegando a pesar cada peza sobre 7 quilos. Logo, as mellores xoias de ouro sobre o gorro e o peto subliñan a grandeza do insólito roupaxe.
Tamén os galáns locen un sombreiro similar, aínda que máis lixeiro e a súa vestimenta, con moitas similitudes coas da madama, limítase a unha camisa branca con adornos de cintas de cores, garabata, pano de seda que cubre a cintura ata os xeonllos, pantalón branco con liña lateral de cor vivo e zapato negro.
Os traxes do Entroido de Cobres locen xunto ás vestimentas típicas doutros novos entroidos galegos.