CONCURSO “TESTAMENTO DO GALO” 2025

A Asociación Cultural Cobres, entidade sen ánimo de lucro, con CIF G36128296 e domicilio na Casa da Cultura de Riomaior, San Adrián de Cobres, 36142 Vilaboa (Pontevedra), convoca o concurso “Testamento do Galo” enmarcado no Entroido de Cobres 2025. A continuación, establécense os requisitos de participación.

1º. O concurso.

Para este ano, dende a Asociación Cultural Cobres, pretendemos facer algo diferente, xa que na pasada edición se recuperou a figura do PREDICADOR-A e a lectura do “TESTAMENTO DO GALO” ao finalizar os festexos da CORRIDA DO GALO o martes de Entroido.

Propoñemos que para esta nova edición do Entroido o alumnado e as súas familias, pensen nunha estrofa para incorporar ao mencionado “TESTAMENTO DO GALO”. 

Coas máis orixinais farase o testamento para 2025, que será lido polo  PREDICADOR-A no momento da QUEIMA DO GALO do martes de Entroido.

2º. Requisitos dos-as participantes.

  • Só se permitirá 1 estrofa  por alumna-o e deberá estar en galego.
  • Só poderán concursar alumnado dos centros de infantil e primaria dos centros escolares do Concello de Vilaboa.
  • O formato da estrofa será semellante ás do seguinte exemplo de testamento (cada dúas liñas é unha estrofa):

Pobre galo, cando ante o lume se atopou,

fixo testamento pero moi ben non o pensou.

A cresta, para as poucas comisións

que quedan e fan a festa.

As plumas, para os furtivos que saquean a nosa Ría

e o fan con alevosía.

As unllas, para os que rascan o bolsillo para a festa

do Entroido, polo que o dan todo.

As tripas, para quen murmura de min sen saber,

a eses nin morto os quero ver.

A carne, con patacas e cebola,

para as xentes de Vilaboa.

“E se algún quere meter o fuciño,

ten que levar o lacón e máis o viño”.

  • Rogamos que as estrofas sexan creadas en formato de humor e diversión, nunca faltando o respecto.

3º. O premio.   

Haberá un/unha ganador-a por curso que será contactado a través do centro escolar unha vez se decida por parte da directiva da Asociación Cultural Cobres. Tamén se publicarán os nomes nas nosas redes sociais.

4º. Forma de participación.

  • O prazo de entrega para as estrofas será ata o venres 31 de xaneiro de 2025.
  • As estrofas débense entregar en un folio A4 cos seguintes datos: nome, apelidos e curso da-o participante.
  • Para facer a entrega das estrofas deberá avisarse á directiva da Asociación Cultural Cobres para a recollida, a través dos teléfonos de contacto 626250830 (Lidia) e 687268298 (Dani), ou do correo electrónico aculturalcobres@gmail.com.

5º. Valoración.

As obras serán valoradas segundo os seguintes criterios:

  • Adaptación á temática do concurso.
  • Adaptación ao formato de estrofa proposto.
  • Orixinalidade.
  • Humor (que nos faga rir).

A valoración farana membros da Asociación Cultural Cobres.

6º. Autoría e difusión.

Os-as participantes autorizan expresamente á Asociación Cultural Cobres, para a utilización con fins publicitarios e de promoción, do seu nome e imaxe en calquera medio e material publicitario, así como das súas estrofas.

7º. Aceptación das bases.

A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases na súa totalidade.

Ir o contido