Orixe
Concello de Vilaboa do Morrazo, festa declarada de interese turístico no ano 1999.
A denominación Cobres é o apelido, por chamarlle dalgún xeito, das parroquias do Concello de Vilaboa, Sta. Cristina e San Adrián, parroquias separadas polo río Maior e que lindan ao sur coa ría de Vigo.
O tradicional “Antroido Dos Cobres”, segundo escritos da época, remóntase a principios do século XVIII e debe a súa actual vixencia á tradición oral que foi transmitindo o interese e participación na festa de xeración a xeración. Esta herdanza cultural pasada de pais a fillos, de avós a netos logrou manter viva e presente unha celebración colectiva sorprendente e particular, tal e como é o de “Cobres”.
Hoxe en día, este Entroido é un dos máis rechamantes, vistosos e atractivos dos que se desenvolven en Galicia. A súa singularidade procede tanto do mantemento dunha tradición única, coma de ser testemuña dun tempo pasado, o colorido da indumentaria empregada, o desenrolo de orixinais actividades como da alta participación e implicación dos asistentes que son, dalgún xeito, integrados na celebración.
Durante os días que se celebra o entroido, de sábado a martes, dende as dez da mañá ata que se pon o sol, as “Madamas” e “Galáns” percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e San Adrián, acompañados por unha charanga (gaiteiros), que ao son da música agasallan cos seus bailes aos presentes alí por onde van. Cos bailes, a música (xotas, muiñeiras, o agarradiño) e a popular Danza dos Cobres –propia da zona- levan a festa de porta en porta a tódolos veciños, especialmente a aqueles que por algún motivo (convalecencia, indisposición, etc) non poden asistir os tradicionais actos de celebración do Entroido; incluso, unha Madama acompañada polo Galán, entran na casa facendo emerxer o recordo dos tempos de mocidade.
En compensa polo reparto de ledicia perciben un donativo por facer posible esta realidade un ano máis. A recepción dun bo agasallo ou donativo importante é celebrada cunha tirada de fogos (segundo a cuantía votaranse máis ou menos fogos) que recoñecen o esforzo económico dese domicilio e, á vez, pretende predispoñer aos veciños das casas próximas a colaborar co Entroido. Estas sesións cérranse cunha actuación baixo a carpa ubicada en Riomaior a carón do mar, ó lado do colexio público, onde se celebran a maior parte das actividades.
Actualmente, esta celebración é posible grazas á labor da Asociación Cultural Cobres que durante o ano, e con maior intensidade os meses próximos á data, preparan as vestimentas e bailes das Madamas e Galáns. Xunto coa colaboración e apoio do Concello de Vilaboa, outras institucións como a Deputación Provincial de Pontevedra… e a participación de tódolos veciños e visitantes que se suman, cada ano, á celebración do Entroido.
Podemos mencionar entroidos importantes como os que se celebran no val de Laza e Monterrei, en Castro Caldelas, os das comarcas do Ulla, os de Cotobade, sen esquecernos dos da Provincia de Lugo. Mención a parte, o de Cobres é un entroido que se diferenza de tódolos anteriormente mencionados por ter unhas características especiais en función de:
Antigüidade:
É posible que veña dalgunha costume gremial cando nos séculos XV e XVI estaban no máximo esplendor en Galicia.
Vestimenta:
Tanto polo colorido e resultado estético como polos nomes que se lle da os seus compoñentes.
Compromiso:
O sentido da responsabilidade que conquiren os habitantes das parroquias de Cobres coa celebración ten como efecto directo a implicación de todos veciños independentemente de idade, profesión, ideoloxía, etc.
Carácter:
O seu estilo lúdico folclórico dálle un colorido e unha personalidade diferente a todos os entroidos da Comunidade Galega conquerindo unha liña de personalidade dos veciños das parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres do Concello de Vilaboa.
Natureza:
Os diferentes aspectos que engloban esta celebración lévannos a falar dun acto que vai máis aló do entroido ao converterse nunha auténtica festa lúdico-artístico-tradicional.
Continuidade:
Existe un continuo ao longo do ano cun punto de inflexión durante a celebración do entroido. Ao remate da festa comezan os preparativos para o vindeiro Entroido… pódese dicir que remata un, e ao mesmo tempo que se ten presente, xa se comeza a pensar no seguinte.
Extracto de “Cuadernos da sociedade Antropolóxica Galega” Nº1 – Ano 2014
(As Madamas e o sacrificio do galo) Xosé Anxo Rosales Gonzalez
Imprescindible para encadrar o fenómeno do Carnaval é a valoración do calendario, que debemos percorrer con moito tento debido á súa natureza exuberante de palimpsesto. Nestas actas deixaremos de lado a apropiación polo pensamento cristián desta festa, e limitarémonos a distinguir, de maneira moi básica e elemental, unha bipartición do ano ao estilo maussiano entre verán e inverno, con cambios moi marcados nos ritmos circadianos da sociedade, manifestándose os grupos de idade e de sexo diferentemente segundo o período.
O comezo do ciclo de inverno, máis ou menos prefixado no 11 de setembro, día de San Martiño, supón a apertura oficial do tempo dos fiadeiros ou seráns. Resaltamos como característica distintiva a súa organización a cargo das mozas solteiras, auxiliadas e protexidas polos máis vellos. As mozas servían de eixe inmóbil ao redor do cal xiraban as paixóns, os intereses e as estratexias dunha disputa silente entre endogamia e exogamia. Estáticas, mais non pasivas, pois manifestaban abertamente a súa predilección polos mozos forasteiros, que nesas noites invernais percorrían en pequenos grupos longas distancias visitando os seráns da contorna. Para evitar liortas entre os mozos, tanto foráneos coma nativos, estes bailes tiñan unha orde protocolaria rigorosa. Mais era moi habitual que o conflito de intereses acadara cotas de franca hostilidade, e todo remataba en pelexas con mocas, coitelos e ata algún revólver. Incluso, os mozos do propio lugar chegaban a sabotar a casa ou cuberto onde se facía o serán.
Adscrito á metade invernal do ano, o Carnaval transfórmase en epílogo apoteótico desta, sendo en toda Europa o martes de Entroido o último día do período dos fiadeiros. Toman agora o control os mozos solteiros na organización da festa. Non obstante isto, debemos resaltar xa aquí o papel de control exercido polos casados novos, tamén eles -como veremos- un dos elementos fundamentais do Entroido.
A entrada nesta categoría de idade -a do mozo- estaba fixada, máis ou menos, sobre os 15-18 anos e relacionábase co comezo da vida laboral e co momento crítico de converterse en quinto. O paso á seguinte categoría, a do home, viña determinado polo casamento (ou, máis ben, pola chegada do primeiro fillo) ou, no caso dos solteiróns, ter cumpridos os corenta anos.
Que significaba ser mozo naqueles tempos. Principalmente, significaba formar parte dun grupo de idade e de sexo, cos seus dereitos e cos seus deberes moi ben definidos. En concreto, na época do Entroido, implicaba ser socio ou confrade, formar sociedade (“era unha unión que tiñan eles”, “eramos da misma compañía”) e contribuír economicamente.
Eran eles os encargados de recrutar os diferentes compoñentes do bando de Carnaval. Normalmente había unhas tres ou catro parellas de madamas e galáns, tamén coñecidos coma os de bunito; varias parellas das de blanco, que non levaban sombreiro; varias aldeanas ou ribeiranas, vestidas coa roupa tradicional, cos seus aldeanos; e incluso podía haber rapazas vestidas de gitanas. Os socios tiñan que seguir un protocolo cando ían pedir as rapazas, sobre todo se era para estas iren de madamas: “os pais facíanse de roghados”, “casi era un honor pedirlle”, “había alghún que pa presumire facía[os volver] tres ou catro veces, ou cinco ou seis”, “Viñeron non sei cantas veces aquí anda meus pais pa que nos deixaran ir aos carnavales. Muitas veces xa lle diciamos nós: ‘Pero vamos a ver! Isto por que é? Unha política, unha parvada ou…? Porque ou vai vai, ou non vai!’. E ían e rían e viñan e…”
Vemos aquí a relación ambigua que mantiñan as casas -eixe organizativo principal da vida cotiá- co Entroido. Por unha parte, necesitaban controlar a sexualidade dos seus fillos; dominio que estendían a tódolos seus membros: fillas, fillos, adoptados, criados e xornaleiros. E podían negar a participación de todos eles no Carnaval. Pero, por outra parte, estaba a loita polo prestixio da casa, e unha filla vestida de madama co seu peitoril acugulado de ouro era un símbolo demasiado perfecto para facer visible a riqueza da casa. “O que xuntaba máis, aquel, mi madriña, era mellor visto!” “Había unha retesía, non quiría ninquién ser menos”. Non eran infrecuentes os enfados entre as madamas debido a que unha levaba máis ouro cá outra. Un descubrimento de especial relevancia foi saber que os Vellos do Entruido eran realmente os “casados de pouco”. Estas máscaras, vestidas con roupa vella e careta, eran as que traían, defendían e comían o galo. Máis adiante veremos o alcance e o sentido destas particularidades.
DANZA DE ENTROIDO DE SAN ADRIÁN DE COBRES
O domingo, luns e martes de Entroido pola mañá o bando, cun grupo de gaiteiros, visitaba as casas, diante das cales bailaban muiñeiras, pasodobres e xotas. A cambio, dábanlles cartos. Os Vellos aproveitaban para traspasar os límites sagrados da casa e roubar ovos nos galiñeiros e chourizos e cacheira nas cociñas. Tódalas noites remataban en festa e troula.
Pero é o cerimonial do martes de Entroido pola tarde o que centra o noso interese. No torreiro había un palco ou púlpito de madeira adornado con mimosas, o público rodeaba expectante as madamas e os galáns que bailaban ao son da música dos gaiteiros. Nun momento dado, os gaiteiros saían a buscar os Vellos do Entruido que traían o galo con eles. Nunha focha enterraban o animal, deixándolle a cabeza fóra, e ao redor efectuaban a danza.
Danza do Entroido de San Adrián de Cobres
Xota na Eira
Muiñeira rápida
De súpeto, de entre o público ou mesmo de entre os propios socios, arrincaba alguén a correr, agarraba o galo pola cabeza e fuxía a toda velocidade. Os Vellos, atentos e armados con gallas, perseguían o atrevido e recuperaban o plumífero protagonista do Entroido. O ímpeto e a agresividade na resposta dos Vellos variaba claramente dependendo de se os ladróns eran da propia parroquia -cos que eran tolerantes- ou se eran das parroquias limítrofes -cos que exhibían a base de pancadas a súa intransixencia brutal. Volveremos máis adiante a este punto, ao poñelo en relación coas pugnas polos Mecos. Aparecía despois en escena o padricador, tamén disfrazado, que dende o seu púlpito lanzaba o Sermón do Galo e mordaces críticas en verso contra os vicios dos veciños. Pero o público non era unha figura pasiva, senón que, como verdadeiro crítico literario, respondía activamente abanando o palco ata botar abaixo a aquel que os insultara momentos antes: a licenza concedida a este enmascarado para traspasar límites (verbais) quedaba revogada. Este feito, que pode semellar unha broma anecdótica, é determinante, pois confirma un dato anterior recollido en 1911 no lugar do Carballiño (parr. Santa María de Xanza, conc. Valga): “Cando o pradicador estaba acabando, despois de ler a cláusula derradeira d’o testamento, desfacíanll’o púlpito sin qu’o conecese e viñan abaixo pradicador e púlpito causando esto moita risa”.
E chegamos ao clímax: o sacrificio do galo. En 1991, o gobernador civil Parada Mejuto prohibe este rito que xa dende os anos 40 se fora diluíndo ata quedar completamente esvaecido. Tiveron que acudir no noso auxilio as lembranzas dos máis vellos da parroquia para recompoñer o escenario “orixinal” e dar sentido ao lenzo. Confeso que o abraio foi maiúsculo ao descubrir que eran as madamas as que “cun sable de madeira” lle quitaban a vida ao galo.