Orixe, historia e antigüidade
do Entroido de Cobres
ORIXE DO ENTROIDO DE COBRES
O chamado actualmente Entroido de Cobres, pero que tamén se denominou Antroido dos Cobres, do cal os personaxes principais son as madamas e os galáns, non ten unha orixe temporal definida, se ben, e en base ao traballo realizado por D. Xosé Anxo Rosales González nos Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega[1], sabemos que o fenómeno das madamas e galáns estendíase pola Ría de Vigo abarcando os concellos de Cangas (Darbo e Nerga), Moaña (Meira e Domaio), Vilaboa (San Adrián de Cobres, Santa Cristina de Cobres e San Martiño de Vilaboa), Pontevedra (A Canicouva) e Redondela (Cabeiro e Cedeira), se ben só nas parroquias de Cobres del concello de Vilaboa esta tradición chegou ata o día de hoxe case sen interrupcións.
Sen interrupcións, pero si con variacións. Pasaremos a continuación a describir como era o Entroido en Vilaboa segundo as testemuñas de persoas maiores de dita localidade[2], e o citado traballo de Anxo Rosales1 para os Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega en 2014.
[1] As Madamas e o Sacrificio do Galo. O Entruido no Concello de Vilaboa do Morrazo. Xosé Anxo Rosales González. Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega. Nº 1 – Ano 2014.
[2] Documental “Madamas e galáns: Historia do Entroido de Cobres” de producción AB ORIGINE Antropoloxía promovida pola Asociación Cultural Cobres.


O Entroido ou Antroido era organizado en Vilaboa por “os mozos” ou “cofrades”, rapaces solteiros maiores de 15 anos. Eles eran os encargados de formar a sociedade e recrutar aos diferentes compoñentes do bando do Entroido.
O bando do Entroido era a comitiva que percorría as parroquias bailando e que estaba composto habitualmente por tres ou catro parellas de madamas e galáns, varias parellas denominadas os e as de branco, vestidos similares a madamas e galáns, pero sen gorro, e logo aldeás e aldeáns, con roupa tradicional galega, e ao final incluso podían ir mulleres vestidas con outro tipo de vestidos que se denominaban xitanas. Todas estas persoas estaban solteiras.
Os membros da sociedade, unha vez reunidos aos homes que irían a bailar, debían ir a pedir aos pais das rapazas que querían de parella que as deixasen ir con eles. Era un ritual. Moitas parellas que acudían xuntas ao Entroido acababan casándose, polo que era moi importante este cortexo.
Vemos nas diferentes vestimentas que levaban os bailaríns e bailarinas do Entroido un reflexo das clases sociais, pois só aquelas casas máis ricas eran capaces de vestir a unha madama, con colares e abelorios todos de ouro. Dicir tamén que, a metade do século XX, cando comezan a aparecer as primeiras fotografías do Entroido, os gorros dos galáns son moito máis pequenos, adornado só con cintas e unhas poucas flores. Non foi ata máis tarde cando o sombreiro do home comezou a ser máis elaborado, e aínda que de menor tamaño e peso, máis parecido ao das mulleres.






Aos e ás danzantes, acompañábaos un grupo de músicos con gaitas e outros instrumentos (grupo contratado para todos os días da festa, que logo tamén amenizaba pola noite), que eran parte importantísima, pois poñían a melodía de muiñeiras, pasodobres e xotas que se bailaban en cada casa da parroquia para conseguir diñeiro que permitise celebrar a festa pola noite.
Na comitiva ou bando tamén ían personaxes tapados, vestidos con roupa vella e máscaras de tela ou materiais similares, que aproveitaban para traspasar os límites e facer travesuras como entrar nas casas e roubar comida. Estes personaxes formábanos homes casados, que terminaban a festa pola noite, e vacilaban ás persoas que asistían a esta aproveitando a máscara que os protexían, e eran denominados “os vellos”.
O recorrido polas parroquias levábase a cabo dende o sábado ata o martes de entroido pola mañá. Pola tarde tiña lugar o cerimonial central desta festividade, a Corrida do Galo, e que posúe características similares a outras tradicións de entroido noutros lugares de España e tamén de Europa[3].
A comitiva comezaba o seu traxecto diario anunciándoo con fogos de artificio (tipo foguete)[4], e ía casa por casa pedindo aportacións para a festa, e madamas e galáns bailaban en cada casa que daba donativo, e en función da contía de dito donativo, bailábanse máis ou menos bailes, e botábanse máis ou menos fogos de artificio, tamén para avisar de por onde ía o Entroido. Moitas eran las casas que tiñan preparada comida e bebida para as persoas que viñan coa comitiva para facerlles máis levadío o recorrido. Esta tradición aínda se mantén hoxe en día en moitas casas.
[3] Similitudes que figuran na obra de Anxo Rosales González1, con entroidos doutros lugares como Mecerreyes (Burgos) e Quins (Melón, Ourense) en muchos de los aspectos.
[4] Sabemos que en Galicia os fogos de artificio utilizábanse para anunciar as festas populares xa dende o século XIX. Do libro “Foguetes e fogueteiros. A pirotecnia” de Xerardo Dasairas Valsa, parte da colección Manuais do Museo do Pobo Galego 5, 1ª Edición decembro 2022.


No lugar de celebración da Corrida do Galo erixíase un palco de madeira adornado de mimosas. Madamas, galáns e demais danzantes bailaban ao son da música dos gaiteiros. Nun momento determinado os músicos ían buscar aos “vellos” que traían con eles un galo. Enterrábase ao animal nunha focha coa cabeza fóra e danzaban arredor. De súpeto, de entre o público ou mesmo algún membro da sociedade que organizaba, comezaba a correr e agarraba ao galo pola cabeza para a continuación, fuxir a toda velocidade. Os “vellos” perseguían ao atrevido para recuperar o gallo. Deste ritual ven o nome que se lle dá á celebración do martes de entroido pola tarde “Corrida do Galo”. O galo era escollido polos “vellos” de entre todos os galiñeiros das parroquias de Cobres, aquel máis grande e gordo[5].
Logo entraba en escena o padricador ou predicador, tamén disfrazado (algúns describen que ía enmascarado5), e que lanzaba o “Sermón do Galo”, así como críticas mordaces en verso contra os vicios da veciñanza. Este personaxe tiña que andarse con ollo, pois o público podía responder movendo o palco chegando incluso a botalo abaixo. Este personaxe daranos máis datos sobre a posible data de orixe do Entroido, pero falarase máis adiante.
[5] Recollido no documento de Xosé Fuentes Alende “O Antroido dos Cobres” para a Exposición incluída dentro da Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia. Fundación Pedro Barrie de la Maza.
Tras o padricador, chegábase ao apoxeo da celebración, o sacrifico do galo. Segundo as persoas maiores do lugar, era una madama quen, cun sable, lle quitaba a vida ao gallo. Como se elexía a madama, existen diversas modalidades segundo as testemuñas: uns din que se elexía a máis guapa e mellor preparada, outros din que participaban todas e que ganaba aquela que conseguise matalo, outros contan que eran madamas e galáns que facían unha danza e intentaban matar ao galo en parella, e outros que se elexía a parella que o faría tras unha danza inicial. En todas parece que a madama leva los ollos vendados.
Parece que nas parroquias de Cobres a que cobra maior veracidade é a segunda, onde tras as danzas, a todas as madamas se lles vendaban los ollos, se lles daba unha espada e o galo era enterrado como no caso dos “vellos”. A madama que acertaba era a elixida xunto ao seu galán, e segundo a tradición era a que máis posibilidades de casarse. De feito, había un refrán “madama que non vai ao Carnaval, non casa”. Esta parte da tradición foise perdendo co tempo.
Eran parte tamén do Entroido de Cobres dúas figuras que desapareceron tamén totalmente a metade do século XX, ao igual que el ritual do sacrificio. O touro e o cabalo, que tamén son típicos de outras tradicións de entroido noutros lugares de España. Ao parecer eran persoas disfrazadas destes dous animais, que se dedicaban a meterse cos asistentes ao festexo do martes de entroido pola tarde. O cávallo tiña unha boca que se abría e pechaba, para simular que comía á xente, mentres o touro se dedicaba a trucar cos cornos. Entraban tamén nun momento dado do festexo, non estaban todo o tempo.

Por último, no barrio de A Cardiña, de San Adrián de Cobres, representábase un bautizo ficticio: a madama elixida por matar ao galo e o seu galán ían cun boneco a modo de bebé, outra madama representaba a madriña e un dos “vellos” facía de cura. A mensaxe subliminar estaba clara, o cortexo do galán á madama daría o seu froito2.
Xa pola noite, na casa do baile, o galo preparábase e servíase como cea para os “vellos”, e a festa prolongábase ata altas horas da madrugada.
E como todo bo festexo, o Entroido de Cobres tamén ten o seu doce asociado, chamado “bandullo” e que se prepara con pan duro, fariña de trigo, ovos, manteiga de porco, leite, azucre, esencia de anís, fermento e uvas pasas[6].
Tempo despois, tiña lugar unha comida copiosa para socios, danzantes e músicos, que se celebraba un domingo calquera posterior ao entroido e que se denomina “morada” e se sigue celebrando hoxe en día.
[6] Recollido no documento de Xosé Fuentes Alende “O Antroido dos Cobres” para a Exposición incluida dentro da Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia Fundación Pedro Barrie de la Maza.
“SERMÓN DO GALO”
Volvamos entón á figura do predicador e ao seu sermón, que sempre tiña un texto fixo, ao que logo engadía as críticas correspondentes a cada ano. Dito texto fixo, recordado polos maiores da zona, toma vocábulos que nos remiten, por exemplo, a un instrumento utilizado entre os séculos XVI e XVII, o discante (variedade da viola), e que nos pode facer poñer aquí un posible marcador temporal para este Entroido[7].
Se ben, as testemuñas orais do documental citado anteriormente3, nos levan a ter vestixios deste Entroido dende finais do século XVIII, pois as persoas participantes no documental e outras preguntadas posteriormente e que naceron a principios do século XX contan que xa as súas avoas participaban nestes festexos nas parroquias de Cobres.
[7] Volvemos aquí aos estudos que figuran na obra publicada por Anxo Rosales González para Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega. Nº 1 – Ano 2014.
CONTINUIDADE NO TEMPO
Segundo as testemuñas do documental “Madamas e galáns: Historia do Entroido de Cobres”, o Entroido de Cobres leva sen interromper a súa celebración dende o século XVIII exceptuando os anos da Guerra Civil e o año 2021 a causa do COVID, e no cal se aproveitou para realizar unha serie de vídeos sobre o Entroido[8]
VARIACIÓNS DO ENTROIDO
Observacións: no vídeo pódense ver os participantes do “galo na vara” intentando subir un tronco de árbore moi fino donde na punta colga o gallo. Inténtano moitos e incluso se forman equipos para logralo pero a dificultade é brutal e o galo está moi alto, Ó final ningún logra conseguir atrapar o galo.
Se ben isto é así, non podemos non mencionar os cambios sucedidos ao longo do tempo.
Como xa mencionabamos, a mediados do século XX perdéronse as figuras do touro e o cabalo, así como o ritual do Sacrificio do Galo. Perdeuse a figura dos “vellos” como parte da comitiva, quedando reducida a súa aparición na “Corrida do Galo” e dando lugar tamén a outra figura nas festas nocturnas chamada “majacho” ou maghacho, e que non son máis que persoas totalmente disfrazadas coas súas caras tapadas que vacilan á xente que asiste á festa.
Máis tarde, crese que sobre a década dos 70, introducíronse máis xogos tradicionais ademais da persecución dos “vellos” para a custodia do galo, que como dixemos deu nome ao evento do martes pola tarde “Corrida do Galo”. Xa nesta década tamén se vían os gorros dos galáns máis parecidos aos das madamas, sen ser tan voluminosos e pesando menos, pero con estrutura similar.
Así, agora existe o denominado “Galo na vara”, onde nun pau de bastante grosor e altura considerable, se colga un galo na punta superior. As persoas asistentes ao festexo poden participar para intentar escalar o pau e conseguir coller o galo para gañar o xogo.
Logo está o “Galo no río”, que se celebra poñendo un tronco groso sobre o río dende unha das súas beiras, e da outra cólgase un galo nun pau. Calquera persoa asistente pode intentar coller o galo que colga, intentando manter o equilibrio no tronco sobre a auga xeada en tempo del entroido.
Nos anos 80 ao festexo sumábanse os concursos de disfraces entre os asistentes á “Corrida do Galo”, e xa nos 90 a actuación de comparsas de pobos veciños. O galo foi substituído por un boneco en 1991[9], cando se prohibiu por parte do gobernador civil utilizar animais vivos na Corrida do Galo do Entroido de Cobres en Vilaboa. Ao principio aos gañadores de cada xogo seguíaselles agasallando cun galo vivo para levarse á súa casa, pero isto tamén se perdeu co tempo, e hoxe en día os premios son simplemente en metálico.
A comitiva ou bando estaba formada por madamas e galáns, cada vez máis numerosos, xa que o que noutros tempos eran traxes confeccionados con xoias e adornos de gran valor, pasaron a estar feitos con abelorios e adornos de menor valor. Aínda así, o coste e o traballo en tempo de confeccionar un traxe completo de madama estímase en máis de 3 meses. Logo van os de branco, elas igual que as madamas, pero sen sombreiro, eles igual que os galáns, pero con boina vermella adornada con abelorios e lazos. Os homes que non eran galáns sempre ían similares aos de branco, con maior ou menor número de panos, pero sempre pantalón branco, camisa branca e gravata vermella. As mulleres que non eran madamas nin ían de branco podían vestirse co traxe galego rexional, ou con vestidos de todo tipo, iso si, sempre moi vistosos e coloridos.
Observacións: no vídeo pódense ver os participantes do “galo no rio” intentando cruzar o mesmo por un tronco de árbore moi fino, a pé e intentando non caerse ó rio, para coller o galo que está colgado dunha corda. O primeiro deles cae á auga, o segundo logra cruzar case todo o rio enriba do tronco, dá un salto para coller o galo e lógrao caendo despois tamén cae á auga. A xente aplaude e ri co espectáculo..
ASOCIACIÓN CULTURAL COBRES
Ata este momento eran os veciños-as, xa non só os solteiros, se non todo aquel que quixese participar, os que formaban a sociedade de organización do Entroido de Cobres, e seguían sendo os veciños os que realizaban o aporte económico para a súa celebración.
Non foi ata 1990 en que se constituíu unha asociación dedicada á “promoción, formación e integración social e entretemento dos socios das localidades, sen interese lucrativo”, e que no seu artigo 3º recolle a “organización de festexos de entroido”. Esta asociación foi a que promoveu coas aportacións dos veciños, a construción do que agora se denomina Casa da Cultura de Riomaior, emprazamento habitual das celebracións do martes de Entroido, co obxectivo de que fose sede da asociación e das súas actividades, incluíndo ao Entroido de Cobres, e cuxa xestión actualmente corre a cargo do Concello de Vilaboa.
A partir de aí sempre a organización estivo a cargo de dita asociación, que coa colaboración das familias das persoas parte da comitiva do Entroido e veciños que botaban unha man para a organización da Corrida do Galo, levaba a cabo as celebracións tal e como as describimos neste apartado. De feito, á comitiva sumouse un integrante que portaba o estandarte da Asociación Cultural Cobres, e que foi portada sempre pola mesma persoa, D. Manuel Martínez máis coñecido como Manoliño do Pío V[10]. Unha vez deixou de poder portalo, ninguén máis se atreveu a realizar a súa labor, e xunto á Casa da Cultura de Riomaior existe unha fonte decorada do Entroido de Cobres dedicada a el. Quen sabe se co tempo o estandarte volverá a danzar polas parroquias de Cobres en tempos de entroido.
[10] Atópanse referencias a D. Manuel Martínez no capítulo “O carnaval de madamas e galáns de Cobres, Vilaboa” escrito por Luís Costa Vázquez, do Tomo I da colección En Tempos de Festa en Galicia da Fundación Caixagalicia editado e impreso en 2006.

Nalgún momento tamén se engadiu á celebración “A Queima do Galo” onde ao final do festexo (sendo xa de noite) quéimase un armazón con forma de galo e que soe levar fogos de artificio, polo que é un espectáculo ruidoso e colorido que dá por rematada a Corrida do Galo.
O predicador mantívose ata principios do século XXI, pero houbo uns anos nos que o Entroido sufriu debido á falta de persoas implicadas na súa organización e sobre todo a que non se atopaban moitas parellas dispoñibles para bailar, e este personaxe desapareceu, ao igual que os membros danzantes da comitiva que no ían de galáns, madamas ou de branco.
Así, actualmente a comitiva está formada exclusivamente por madamas, galáns e persoas de branco, exceptuando algunha nena pequena que poida ir con vestido vistoso para a ocasión, e os músicos indispensables para a danza que xa non son contratados de fóra, se non que son a banda de gaitas Aires de Cobres pertencente á Asociación Cultural Cobres.
Son 4 as pezas fundamentais que se bailaban no Entroido de Cobres: a danza de Cobres[11], a xota na eira[12], unha muiñeira movida, e o “agarradiño” peza para bailar agarrados en parella.
[11] Vídeo danza de Cobres Entroido de Cobres 2024. [12] Vídeo xota na eira Entroido de Cobres 2024.
Danza de Cobres
Xota na Eira
Muiñeira

O recorrido mantívose bastante estable ao longo do tempo, se ben como se explicou anteriormente na presente memoria, antes bailábase casa por casa, mentres que nos últimos anos a directiva da Asociación Cultural Cobres decidiu cambiar a forma debido ao aumento de poboación e polo tanto de casas nas que habería que bailar. Así, desde 2019 a directiva realiza o recorrido previamente ás datas de entroido, pedindo os donativos e informando dos puntos onde madamas e galáns bailarán en cada barrio de cada parroquia. Segundo os donativos, realízanse actuacións por grupos de casas.
Tamén, debido ás últimas normativas, cambiou a forma de acender os fogos de pirotecnia. Antes realizábase en cada casa segundo donativo, agora realízanse en lugares e horas determinados do día porque débense pedir os permisos pertinentes e adecuar o seu acendido á normativa vixente. Así, anúnciase a saída da comitiva e a chegada cada tarde á carpa da festa, e logo o comezo e o final da “Corrida do Galo”. Isto implicou que se tivo que innovar na forma en que as persoas poden seguir o recorrido do Entroido de Cobres polas parroquias. Para iso, dende 2022 creouse unha lista de distribución de WhatsApp onde cada certo tempo membros da Asociación Cultural Cobres van compartindo a localización en tempo real.
Séguese mantendo a festa pola noite dende o sábado ao martes de entroido, e tamén se sigue celebrando a comida “morada” en honra aos organizadores e participantes no Entroido de Cobres de cada ano.
RECUPERACIÓN
A Asociación Cultural Cobres ven traballando arduo para celebrar ano tras ano o Entroido de Cobres. As familias das parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres son fundamentais porque delas depende conseguir madamas, galáns e o resto de danzantes, xa que os traxes teñen que ser elaborados por elas e cada día deben axudar a vestir e quitar os traxes, dos cales falaremos en apartados seguintes.
En 2010 creouse o grupo de veteranos e veteranas[13] do Entroido de Cobres, antigas madamas e galáns que queren continuar bailando no Entroido, e que o veñen facendo dende entón o martes durante a “Corrida do Galo”. Este grupo, que ensaia de modo regular ao longo do ano é o que se encargou de recuperar algunhas pezas de baile descritas nalgunhas das testemuñas recollida, como é o caso da danza das espadas[14], que, segundo as testemuñas do documental3, estaba asociada ao ritual do “Sacrificio do Galo” e que nos últimos anos se ven representando a tarde do martes de entroido.
Muiñeira rápida
[15] Substituíu á muiñeira antiga, pois son os mesmos puntos de baile, pero con outra muiñeira, chamada muiñeira Padarnela.
Tamén nos últimos anos, a comitiva sumou ao repertorio de baile a muiñeira dos nenos e a muiñeira rápida[15], esta última todo un éxito en calquera lugar no que se represente pois vai incrementando o ritmo de tal forma que calquera que estea presente durante a súa representación non poderá non aplaudir abundantemente ao seu remate[16]. A recuperación de pezas antigas e a introdución doutras novas tamén é posible grazas a que o grupo de gaitas Aires de Cobres forma parte indispensable do Entroido, e polo tanto traballa coa comitiva durante todo o año.
A figura do predicador recuperouse no ano 2024 despois de varios anos desaparecida, ademais foi unha muller, a primeira da historia, a encargada de recuperar esta figura. Con ela se recuperouse a lectura do testamento do galo (Sermón do Galo), pero que agora se le xusto antes da “Queima” para dar por finalizado o evento. O testamento, a partir de agora, pretende ser cambiante e actualizarse cada ano grazas ás aportacións do alumnado dos centros educativos do concello.
Séguese a traballar na recuperación de bailes e figuras antigas, e introducindo sempre novidades que permitan adaptarse aos novos tempos (pantallas para a visualización da Corrida do Galo en calquera punto do lugar de celebración, utilización de RRSS e web propia, …).
No ano 1999 o Entroido de Cobres foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.